Caldo de Gloria, recitais e moito galego nunha xornada para lembrar a Rosalía

La Voz

PONTECESO

Jorge Parri

A Fundación Pondal foi convidada a participar nos actos de homenaxe que tiveron lugar onte en Santiago

25 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Fixen un caldo de groria que me soupo que la mar, fixen un bolo do pote que era cousa de envidiar» di Rosalía no seu poema Miña Casiña, Meu Lar, do libro Follas Novas.

Caldo de gloria e bolo de pote foi, precisamente, o que degustaron onte na Casa dos Veciños do Couto para conmemorar o aniversario do nacemento da poetisa.

Alba Mato

Pero antes, xa pola mañá, dende a Fundación Eduardo Pondal pontecesá participaron nos actos conmemorativos celebrados en Santiago de Compostela cunha pequena representación teatral.

XOAN A. SOLER

Ademais, dende o Concello de Ponteceso repartiuse nos últimos días folletos e manteis coa deliciosa receita do caldo polos establecementos hosteleiros do municipio.

Paralelamente, en Vimianzo continuaron cos obradoiros de temática rosaliana para pequenos de 3 a 8 anos e mozos de 9 a 14. En Fisterra apostaron sobre seguro elixindo a película documental A palabra xusta, que conta coa testemuña en primeira persoa de Antía Cal, Tita, un auténtico referente no campo da renovación pedagóxica e impulsora da escola Rosalía de Castro en Vigo.

En Cee, porén, optaron pola música para lembrar a figura da poetisa. Foi cun concerto da man de Gemma Román e Andreina Muñoz.

O alumnado de Zas «tecerá» con Rosalía o martes

A compañía teatral Os Quinquilláns será a encargada de conducir o martes a actividade de achegamento a Rosalía de Castro, Tecendo con Rosalía, que teñen preparada no Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura.

Participará o alumnado dos diferentes centros educativos do municipio e o acto comporase de tres partes diferenciadas. Primeiramente será o Enfiado, que consistirá nunha charla sobre a figura da poetisa. Seguidamente virá a fase de Entramado, na que os alumnos confeccionarán pequenas pezas poéticas e poñerán en marcha representacións. Por último chegará o Tecido, cando os participantes amosen as súas pezas ao resto de grupos.

A actividade desenvolverase no CPI de Zas (10.00 horas) e no CEIP Labarta Pose (neste caso, ás 12.00 horas).