Fannos falta

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

PONTECESO

12 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non podemos perder a capacidade de poñernos na pel dos demais. Hai moita xente que nega a emigración da nosa mocidade. «Nada que ver coa nosa época», dinme, «agora marchan e fórmanse, aprenden inglés. E cando teñan máis de 40 ou de 50 anos volverán». Non sei se é inxenuidade ou tan só medo ás consecuencias.

Non van volver. Porque un traballador cualificado precisa volver a un sector cualificado. E un sector cualificado tarda anos en crearse. Como isto non cambie, se volven é para a xubilación. E rebotados connosco.

Cando viaxas polos distintos países que conforman o territorio de Europa decátaste da enormidade do problema que se produce. Nós xa nos esquecemos de ver a moita xente nova xunta. En Compostela hai unha brecha enorme entre os universitarios e o público maduro; cremos que é o normal pola rutina de non ver outro mundo, pero non o é.

En canto vas por cidades como Londres, París, ou Bruxelas decátaste de que os mozos están alí, enchendo de vida as súas rúas, traballando en empresas e proxectos innovadores.

O estado do benestar, Skype e as aeroliñas de baixo custe camuflan o problema, pero non o eliminan. Con todos os matices que queiramos, as emigracións galegas do pasado foron positivas para os invididuos (ás veces) pero desastrosas no seu conxunto para o país. Esta nova vaga non é distinta. A perda de competitividade de Galicia ten que ver con esta drenaxe.

Tamén sería inxenuo pensar que isto é cousa só dos políticos. A cousa é algo máis seria ca iso: como devolvernos a mocidade. Ou, máis ben, aos mozos.