«Queremos ter a primeira feira científica no rural»

La Voz

PONTECESO

31 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As tres fundacións do Rexurdimento -Pondal (Ponteceso), Curros Enríquez (Celanova) e Rosalía de Castro (Padrón)- teñen en marcha un ambicioso proxecto común. Xosé María Varela cre que, de chegar a saír adiante, marcará un antes e un despois.

-¿Que esperanzas teñen nese Itinerario do Rexurdimento e en todo o que tería asociado?

-A primeira vez que souben deste proxecto foi a raíz dun que se chamaba Vilas Literarias de Galicia. Non saíu adiante, pero pareceume unha magnífica idea do compañeiro Antonio Piñeiro, da Fundación Curros. O ano pasado, nunha reunión co conselleiro [de Cultura], retomouse o tema. Non entendo Galicia sen estar asociada a algo tan potente como o Rexurdimento. Piñeiro é un visionario e viu ese itinerario que unise como a franxa da bandeira de Galicia: dende oeste a leste e sur. Pasar da paisaxe agreste da Costa da Morte a estar cerca do Xurés en Portugal ou descubrir as doces veigas de Rosalía en Padrón. É difícil que neste país pasen estas cousas, pero eu sigo pensando o mesmo, que é unha boa visión conxunta, que neste Ano de Pondal hai que potenciar o Rexurdimento e que se eles andan, nós andaremos. Isto pode sentar as bases de algo novo, algo que pode nacer aquí, e que penso que só nos pode traer cousas boas. Xa mesmo que os nenos e maiores dun e doutro lado se coñezan.

-¿Que virá no 2018?

-Hai cousas que quedaron pendentes, flecos do convenio deste ano. Temos un coa Universidade; puxemos en marcha unha petición de recoñecemento para o 50.ª aniversario do cormelán José María Mosquera Manso; solicitamos unha axuda porque queremos ter a primeira feira científica no rural, posiblemente a primeira do rural no Estado; seguiremos na liña das Festiletras; queremos darlle outra dimensión a Pondal, como figura ibérica; temos pendentes obradoiros coa Universidade; un acordo co CSIC Galicia; seguir coa Universidade Rural; coas aulas de regueifeiros... Ir facendo a larada a medida que teñamos rachas. ¡E os voluntarios que non cansen!