HISTORIAS CON HISTORIA | Morte do derradeiro bardo celta

Xosé Alfeirán

PONTECESO

O pontecesán Eduardo Pondal foi soterrado no cemiterio de Santo Amaro en marzo do ano 1917

26 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Se non for na Ponte-Ceso, sepultádeme na Cruña, / nesta garrida cibdade /que mil belezas aduna, / a cabo do insigne Curros, / xa que a d’él y-a miña musa / a fala de Breogán / fixeron nobre e robusta: / eu quero jacer de par / de tan nobre sepultura… / Se non for na Ponte-Ceso, / sepultádeme na Cruña». Foi «A derradeira voluntade» de Eduardo Pondal. E así aconteceu.

O poeta, nado en Ponteceso o 8 de febreiro de 1835, levaba anos residindo na Coruña. Primeiro no Hotel Oriente, na praza de Pontevedra, na mesma habitación que ocupara antes Curros Enríquez, e despois, ata o seu pasamento, no Hotel La Luguesa, na rúa Xoana de Vega número 21 (hoxe na fachada do edificio hai unha placa posta en 1962 pola Agrupación Cultural O Facho lembrando este feito).

A voz celta do rexurdimento galego, o bardo da nación galega, o autor de Queixumes dos pinos e da letra do himno galego, viviu só e enfermo os derradeiros anos da súa vida.

Pechado na súa habitación do hotel, estaba ao coidado dunha Hermana de la Caridad, recibía escasas visitas e, en medio das súas crises neurasténicas, obsesivamente ditaba e compoñía versos.

Gardaba entre as súas pertenzas un tesouro: a súa maleta de coiro na que conservaba, segundo a prensa da época, o poema épico inédito Os Eoas e os orixinais para un libro de versos que constaría de tres partes: D’o intimo, D’os eidos, D’os servos. Dita maleta sería entregada á Real Academia Galega para a súa custodia e divulgación do seu contido. Esquecida durante moitos anos, as investigacións do profesor Manuel Ferreiro, catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universidade da Coruña, fixeron posible na actualidade a recuperación e difusión da obra pondaliana.

Velado no hotel

Morreu o 8 de marzo de 1917. Tiña 82 anos. Coñecida a noticia a Real Academia Galega, o Circo de Artesáns, o Concello e todas as entidades sociais e políticas coruñesas colgaron dos seus balcóns pendóns negros en sinal de dolo. A capela ardente instalouse nunha das habitacións de La Luguesa, sendo velado por parentes, membros das Irmandades da Fala, da Academia Galega, periodistas, escritores e artistas.

Ao día seguinte, ás catro e media da tarde comezou o enterro. A comitiva fúnebre púxose en marcha encabezada por estandartes e un landó portando as numerosas coroas recibidas. Seguía a carroza de primeira clase co cadaleito de Pondal, arrastrada por catro cabalos con penachos negros e servizo «á Federica». Tras ela ía a familia, a corporación municipal, amigos, representantes das diferentes sociedades e unha enorme multitude de persoas. Foi, ao dicir da prensa, unha das maiores manifestacións populares que se lembraban na cidade ata entón.

Ao pasar o cadaleito polas rúas coruñesas, todos os establecementos e comercios, en sinal de respecto, pechaban as súas portas e escaparates.

No cemiterio de Santo Amaro, invadido polo xentío que alí esperaba, o cadaleito foi conducido nun impresionante silencio ata a sepultura cedida polo Concello. Tras ser soterrado e pronunciados os discursos no seu honor, os Amigos da Fala cantaron o Himno de Galicia.

¡Terra a nosa!

Historias con historia

Todas as entidades culturais, sociais e políticas colgaron pendóns negros

en sinal de dolo