«Sen as fichaxes do Nadal pasado agora estariamos en Terceira»

V. Couto / M. López CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

JORGE PARRI

O vimiancés Pablo Muíño, con 13 tantos anotados no que vai de tempada, é o máximo goleador da Liga da Costa

22 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa primeira volta a piques de rematar, o vimiancés Pablo Muíño (1987) leva rexistrados uns números de escándalo. Ademais de ser parte fundamental no feito de que o C.D. Baíñas se afiance no top 3 da clasificación da Liga da Costa, Muíño encabeza tamén a listaxe dos máis goleadores con 13 tantos anotados nos 12 partidos que disputou, polo que ten unha espectacular media de 1,0833 goles por encontro.

O dianteiro sinala que o comezo de tempada non puido ser mellor para o clube vimiancés, en parte pola boa organización de adestrador e xogadores, pero tamén polas fichaxes realizadas.

-Dende logo un bo xeito de rematar o ano para o Baíñas, case na cabeza da táboa.

-O certo é que si. Estamos agora terceiros na clasificación, polo que todo saíu a pedir de boca.

-Ademais está atravesando unha das súas mellores rachas goleadoras nesta tempada.

-Non sei se será a mellor de todas en canto a goles anotados, pero no referido a lesións dende logo que si, porque estou tendo moitísima sorte e non me estou lesionando nada ultimamente.

-Os tantos que anotou estes meses -13 en tan só 12 partidos disputados- tampouco están nada mal, polo que se ve.

-Si, oxalá siga tendo esta regularidade que tiven ata o de agora e poida seguir axudando ao equipo cos meus goles.

-¿Cal é o factor clave que diferencia este comezo de tempada co do ano pasado?

-Pois o certo é que non o sei, pero creo que conta moito o feito de que este ano fixemos unha mellor planificación do equipo. Ademais, tamén fichamos para postos clave, como pode ser o medio do campo. O bo é que comezan a verse os resultados e comprobamos que, efectivamente fixemos algo ben, porque o ano pasado foi un auténtico desastre: rematamos a primeira volta sendo colistas. Se non chega a ser polas fichaxes do Nadal pasado, estariamos en terceira agora.

-E, porén, agora vense mesmo pelexando cos favoritos por facerse co título.

-Dende logo o que non queremos é pasar os traballos que pasamos na tempada pasada, chorando puntos nas últimas semanas, a ver se nos dabamos salvado do descenso.

-A tranquilidade, entón, é a máxima prioridade nestes momentos: manter unha estabilidade que garanta un bo posto.

-Si, non queremos ter que andar facendo contas. Está claro que a ninguén lle amarga un doce e, canto máis arriba quedemos, pois moito mellor. Pero para gañar unha Liga da Costa hai que ter moitísima regularidade e estar enchufados na competición durante toda a segunda volta.

-¿Que rivais ve máis complicados á hora de facerse co título?

-Pois, polo que puidemos ver ata o de agora, o Mazaricos está bastante forte e está a facer un fútbol moi bo que seguro lle dará puntos durante toda a segunda volta. Todo depende de como vaia saíndo a segunda metade da liga, pero vexo moi fortes tamén ao Esteiro, Ponteceso e Corme, que xa son os que están nos postos máis altos da táboa agora mesmo.

-Agora agárdalles unhas semanas de descanso, pois foron dos poucos que puideron disputar o encontro da xornada do 10 de decembro, na que a Federación suspendera os partidos.

-Si, a verdade é que tivemos sorte e agora temos unhas semaniñas de vacacións nestas festas, sempre coidándonos un pouco para estar fortes para a volta e tratando de seguir adestrando.

-O próximo encontro será xa despois de Reis e pensando xa na segunda volta, ¿non?

-Si, hai que pensar xa no seguinte, que será na Serra de Outes e a ver se non vimos todos con cinco ou seis kilos de máis polos excesos do Nadal, que xa sabemos todos como son!