Un amplo proxecto en torno ao Rexurdimento medra dende Ponteceso

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

A. LAVANDEIRA

Representantes das fundacións Curros, Rosalía de Castro e Eduardo Pondal avanzan camiño neste proxecto conxunto

04 dic 2017 . Actualizado a las 20:55 h.

Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez (Celanova), está convencido de que o Itinerario do Rexurdimento pode ser un reclamo cultural e turístico para toda Galicia. Asentaríase no triunvirato Curros-Rosalía-Pondal e por iso mesmo representantes das tres fundacións que poñen en valor o legado destes autores se reuniron no Couto (Ponteceso), para tratar de darlle pulo a un amplo proxecto no que xa veñen traballando hai tempo e no que ese Itinerario está incluído. Iría moito máis alá, non obstante: dende accións didácticas nos colexios ata outras de tipo turístico, mesmamente.

Semanas atrás, no Parlamento galego -e anteriormente no Congreso- aprobouse por unanimidade unha proposición non de lei, instando á Xunta de Galicia a conceder «colaboración institucional e orzamentaria» á divulgación da figura de Pondal, sendo este 2017 o centenario da súa morte. O Itinerario do Rexurdimento, pois, entraría neses plans: «Cada fundación ten a súa personalidade, pero o traballo conxunto pode ser o acicate paro o desenvolvemento», dixo Antonio Piñeiro en Ponteceso.

Plan de futuro

El; Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro (Padrón); e Xosé María Varela, xerente da Fundación Pondal (Ponteceso), trataron onte de concretar as propostas que logo lle presentarán ao presidente da Xunta, tratando de implicar tamén aos presidentes das Deputacións, para que leven este apoio aos seus plenos. «O que pretendemos é algo que levamos pretendendo hai moito tempo, madurar un proxecto, por un lado, e buscar o amparo económico das institucións políticas, por outro», sinalou Angueira.

«Non é un proxecto dun día, senón de futuro, e hai que ir máis alá desa aprobación unánime. Digamos que a partitura está escrita e agora temos que poñerlle a música. Este triunvirato tan ben definido ten un carácter simbólico e cultural de primeiro nivel para Galicia e, por tanto, debería ter tamén ese tratamento institucional. Falamos dunha dinamización exponencial», expuxo Piñeiro. Angueira cualificou a reunión de «positiva» e falou do «esperanzador» desa aprobación unánime. Cómpre aproveitar «correntes» ou «portas» como está sendo esta celebración do centenario da morte de Pondal, apoiada despois polos días de Rosalía e Curros: «Pensamos que merece moito a pena, non xa dende o punto de vista particular, senón tamén dende o xeral».

Convencidos da dinamización que pode supoñer no conxunto da comunidade, tratarán de facer chegar as súas propostas o antes posible: «As axendas [dos políticos] son como son, pero trataremos de que sexan sensibles», abundou Piñeiro.

Convocada para mañá unha reunión da comisión Labarta Pose

Antes da proposición non de lei aprobada pola comisión de Cultura do Parlamento, na que se instaba á Xunta a apoiar as accións divulgativas sobre a figura de Pondal, xa a mesa de Cultura do Congreso aprobou outra, instando ao Goberno estatal a facer o propio coas accións promovidas polos Concellos e as entidades que promoven as difusións da vida e obra do bardo pontecesán e máis do autor baiés Enrique Labarta Pose. Ambas aprobacións chegaron de man de mocións socialistas. Precisamente para mañá, en Baio, está convocada unha reunión da Comisión Labarta Pose para as Letras Galegas, na que debullarán as implicacións destes últimos recoñecementos institucionais a prol da figura do escritor e xornalista.

Será ás 17.00 horas, nas escolas Agra Regueiro, e tamén se aproveitará o encontro para darlle un empurrón á edición do sainete Unha boa misa, unha das primeiras obras de teatro en galego. A idea parte dunha xuntanza anterior.