A voz de Pousa puxo fin ao Simposio Pondaliano na «catedral do himno»

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Ana Garcia

Reigosa propón máis actos conxuntos sobre Pascual Veiga e o bardo pontecesán

01 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Queimán puxo o espectáculo e Andrea Pousa a voz que emociona na clausura do 19.º simposio pondaliano. Ocorreu na que o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, denominou a «catedral do himno» de Galicia. Antes de que Pousa lle puxera a pel de galiña aos presentes coa súa interpretación de Unha noite na eira do trigo e o representante da Xunta pechara o congreso, interveu Antonio Reigosa Carreiras para falar de Pascual Veiga, o autor da música do himno de Galicia.

Luís Giadás, patrón da Fundación Pondal e presentador do acto, apuntou de Reigosa que veu ao mundo a carón do castro de Zoñán, o que lle deu carácter para «buscar a esencia máxica da Nosa Terra». O conferenciante, nunha intervención amena, dixo que Mondoñedo, lugar de nacemento de Pascual Veiga Iglesias, e Ponteceso deberían de organizar encontros, pois considera que músico e poeta quedaron «fosilizados» nunha obra tan transcendente como é o himno galego. Reigosa, ademais, reivindicou o ano 1890 como o da verdadeira creación deste símbolo de Galicia, pois foi nese tempo cando os seus autores se xuntaron para a súa creación. «Que Pondal e Veiga se vexan máis a miúdo», acabou pedindo nun acto introducido polo canto duns nenos.

Peche do encontro coas «mentes máis lúcidas e as voces máis autorizadas»

O secretario de Política Lingüística, Valentín García, loou, unha vez máis, o «milagre» da Fundación Pondal para acadar resultados como o do propio Simposio Pondaliano e para que pasen por O Couto «as mentes máis lúcidas e as voces máis autorizadas da cultura galega». Cualificou neste senso a sede da fundación como a «catedral do himno» galego, o máis coñecido e o máis popular de todas as comunidades autónomas e que empezou sendo unha peza que incluso se bailaba.

Queimán, do dúo Queimán e Pousa, puxo a dramatización do logro do himno, con chamadas aos versos de Rosalía e á emigración, con Xosé Neira Vilas e José Fontenla por medio. Pondal e Veiga «puxeron sentimento e cariño» no proxecto, dixo. Andan de xira por Portugal e van interpretar por México a súa versión de O Himno, cuxas proxeccións se puideron ver onte no Couto. Andrea Pousa púxolle emoción ao punto final do Simposio coa súa voz profunda e clara. «Un remate apoteósico», dixo Giadás.