Terra, lingua e poesía no centenario da morte de Pondal

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

BASILIO BELLO

Punta Nariga, Dombate ou a casa natal do bardo foron algunhas das paradas da ruta deste pasado sábado

30 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste ano de centenario da morte de Eduardo Pondal van xa camiño de cumprirse os cen actos de conmemoración aos que dende a fundación que leva o seu nome querían chegar. O sábado levouse a cabo un deles, un periplo en bus polo territorio pondaliano e organizada dentro o Centro Autonómico de Formación e Innovación (Cafi). Nel tomaron parte uns 60 docentes de toda Galicia. No grupo, entre outros, estaban o poeta Miro Villar e tamén Manuel Ferreiro, o maior experto no bardo. Fixo un bo día, contou este último, para levar a cabo un «percorrido á inversa», dende A Coruña, onde o escritor pontecesán morreu, ata Ponteceso, onde naceu. En cada unha das paradas léronse textos e poemas, usando como base Esta é a terra dos eidos amigos, antoloxía xeográfica publicada pola Deputación e da autoría do propio Ferreiro. Os asistentes, ben interesados, iniciaron a ruta na Coruña, pasando polo busto do bardo, o cemiterio de San Amaro, a pensión La Luguesa -onde faleceu- ou a Cova Céltica. Seguiron logo cara Meicende (Arteixo), parando na Pastoriza, e pasarían despois por Barrañán, lugar ao que hai moitas alusións na obra do poeta. Baldaio foi a primeira parada na Costa da Morte, antes do xantar en Carballo.

Punta Nariga, Dombate e tamén a casa natal

Dende Baldaio vense as Sisargas, e tamén dende Punta Nariga, outra das paradas. Especial, segundo contou Ferreiro, non só por alusións na poesía de Pondal senón tamén nalgunha carta a Manuel Murguía. Un espazo para o pensamento. Achegáronse despois os docentes a Dombate, dolmen que ten tamén os seus propios versos de seu, e de aí pasarían xa a Ponteceso, cunha primeira cita na casa natal do escritor e, logo, na sede da Fundación Pondal, xusto ao lado da igrexa onde fora bautizado o poeta. Para algúns dos participantes, foi o seu primeiro achegamento á comarca. «Terra, lingua e poesía son boas compañeiras, e se a poesía é de Pondal, aínda mellor», asegurou Ferreiro.