«De andar a correr un pouquiño non hai tanto salto e calquera pode animarse»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

PONTECESO

FERREIRO

A asociación deportiva Abellariza clama por unha pista de atletismo en Ponteceso que lle abra novas posibilidades

29 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Cousillas Regueira (Londres, 1971) preside a Asociación Deportiva Abellariza de Ponteceso que o próximo día 6 celebra a súa asemblea xeral para reforzar a directiva, render contas das múltiples actividades que organizan e nas que colaboran.

-¿Con que obxectivo naceron e que opcións teñen de acadalo?

-Comezamos hai dous anos para lograr unha pista de atletismo no entorno do instituto de Ponteceso. Temos todos os permisos de Educación e demais e agora do que estamos pendentes é dos cartos. Para nós tratase de algo moi importante porque por aquí non hai nada parecido. Ademais organizamos andainas, colaboramos nas carreiras populares, no Trail Brigantia,... Agora estamos preparando a etapa da Ruta dos Faros que imos partir en dúas (Ponteceso-Corme e Corme Niñóns). Decidimos facelo así para que poida asistir todo o mundo -non digo nenos pequenos pero case- porque imos ir dunha maneira moi relaxada e coa asistencia limitada a 100 persoas. Facémolo tamén un pouco por dinamizar a hostalaría local e que haxa máis actividade.

-O bo deste tipo de prácticas deportivas e calquera as pode facer por libre tamén.

-Si, nós na aplicación Wikiloc estamos continuamente recibindo correos do tipo: «Tal fixo unha ruta moi parecida a túa, andando, en bicicleta...». Agora, coas redes sociais, calquera ve as fotos que sobes dun determinado camiño e colle cunha pandilla de colegas e faino. Por iso que seguramente vén moita xente de fóra da que nin sequera nos decatamos. Ademais o bo que ten que se limparon camiños que estaban intransitables e que case facía falta ser un pouco escalador para ir por eles.

-¿Por que triunfan as populares e falla tanto a pista?

-Por aquí non hai nada, de aí tan importante este proxecto, porque a nosa asociación está aberta a todos os deportes, pero se non tés un mínimo de instalacións non te vas poñer a adestrar aos rapaces no parque. Manolo, o director do instituto falounos de que había aí un proxecto durmido aí dende facía tempo e, aínda que non ía ser unha pista homologada, porque tería tres ou catro calles, si nos vale para adestrar. Ademais o instituto pon a iluminación e hai un convenio firmado con Educación para que se empregue para os campionatos intercentros e que, nos momentos libres e na fin de semana, se poida acceder. Ao estar iluminada se só podes ir correr ás dez da noite pois poderíalo facer. Se arrincase nós despois mirariamos de ir facendo uns vestiarios e tirar para adiante.

-¿A que se debe a proliferación de afeccionados a correr?

-Os médicos están mandando andar a todo o mundo porque se ve que é moi beneficioso e de andar a correr un pouquiño tampouco hai un salto tan grande polo que calquera pode animarse. De aí vén o éxito das populares nas que os 20 ou 30 primeiros teñen un nivel bastante alto e están aí os tempos para demostralo, pero despois hai outro grupo de xente que vai cada un ao seu ritmo. Na do outro día había un grupiño dunhas vinte e tantas señoras de 50 e pico anos para arriba, mesmo de 60.

-¿Como está a asociación a nivel de xente para traballar?

-Un pouco por iso é tamén a asemblea, porque naceu con seis persoas en torno a un obxectivo claro, que era conseguir esa pista de atletismo, e por iso estaban metidos o director e máis o profesor de educación física. O de física marchou ao ano seguinte por un traslado e Manolo [Varela] foi agora de director tamén para A Coruña. Por iso queremos captar algunha xente que nos poida axudar porque nas actividades que organizamos temos moito apoio -para a travesía había 20 ou 30 voluntarios- pero nós traballamos todos, temos que facer as reunións ás nove e media de noite e precisamos persoas que tamén boten algo para diante. Sempre hai que facer papeis, solicitar permisos, ir ao Concello...