Ponteceso afianza o Simposio Pondaliano

P. b. m. CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

JOSE MANUEL CASAL

Co outono, en outubro, volverá unha nova edición do encontro ao Couto: a número 19

21 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Case 20 anos de traxectoria -esta será a edición número 19- poden dar máis que por afianzado o Simposio Pondaliano que se vén celebrando na Aldea do Couto en torno á figura do bardo. Sempre quedan matices por aprender e, desta volta, non faltarán os especialistas que se acheguen á figura do escritor que máis ten marcado Ponteceso e mesmo Galicia. Víctor Fernández Freixanes, Manuel Ferreiro, Ramón Villares, Antonio Raúl de Toro Santos, Xosé Henrique Monteagudo, Félix Neira e Antonio Reigosa serán, en gran medida os conferenciantes, por máis que tamén se abordarán proxectos educativos e mesmo haberá tempo para a música ou para os traballos audiovisuais. As distintas actividades iranse desenvolvendo ao longo do mes de outubro (cinco martes) e todas elas darán comezo ás 18.30 horas, na sede da Fundación Eduardo Pondal. É esta entidade a organizadora do encontro, no que tamén colaboran Xunta, Deputación, Concello de Ponteceso, Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega, Galicia Calidade, Universidade de A Coruña, Abanca e Fundación Barrié. Como vén sendo xa habitual, esta actividade estará certificada para docentes -con 15 horas- polo Centro de Formación e Recursos da Coruña.

O programa, en detalle

Martes 3. A apertura oficial do Simposio correrá a cargo de Víctor Fernández Freixanes, presidente da RAG. Manuel Ferreiro, o maior experto en Eduardo Pondal, presentará «Antoloxía de Pondal. Xeografía Pondaliana» e «O cantor do eido noso».

Martes 10. «O celtismo de Pondal» é o título da mesa redonda na que tomarán parte os estudosos Ramón Villares e Antonio Raúl de Toro Santos. O Simposio Pondaliano tamén fara un oco para a música. Neste caso, para Muiñeiros do Sarela.

Martes 17. Xosé Henrique Monteagudo intervirá en Ponteceso para falar da figura de Carlos Casares. Proxectos do Labarta Pose, unha unidade didáctica de Eduardo Pondal para infantil e primaria ou un Clube de Ciencia: exemplos.

Martes 24. Félix Neira, tamén bo coñecedor do Pondal e do seu entorno, intervirá cunha conferencia titulada «A outra maleta de Pondal».Asubío Media dará a coñecer un vídeo sobre o bardo e Marilar Aleixandre porá a poesía cun recital.

Martes 31. Na derradeira xornada deste Simposio Pondaliano intervirá Antonio Reigosa. Falará de Pascual Veiga. A presentación do libro-deuvedé de Queimán e Pousa permitirá facer unha lembra do Himno Galego de Pondal 110 anos despois.