A poesía de Pondal e Labarta Pose chega ao Congreso de Deputados

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

García Mira presentou sendas proposicións para que o Goberno apoie a concellos e institucións locais que divulgan as súas obras

30 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Eduardo Pondal e Enrique Labarta Pose, dous símbolos da cultura da Costa da Morte, serán motivo de debate no Congreso de Diputados por medio dunha proposición non de lei que onte presentou o deputado socialista baiés Ricardo García Mira xunto co portavoz do seu partido na comisión de Cultura, Andrés Torres Mora. Na proposta, que o congresista pretende negociar cos outros grupos para que a apoien por unanimidade, ínstase ao Goberno a que firme convenios cos respectivos concellos, Ponteceso e Zas, e as entidades que divulgan a obra dos dous poetas.

García Mira argumenta que este ano conmemórase o centenario da morte do autor do himno galego (1835-1917). Destaca o programa de actividades que a Fundación Pondal está levando a cabo con ocasión desta efeméride, o intento de formar itinerarios e iniciativas conxuntas con outras institucións, a importancia do personaxe para a historia de Galicia e moitas consideracións de tipo social e literario. Así é que pide que o Executivo «se implique» de forma institucional e con orzamentos na difusión da figura e da obra de Pondal mediante convenios.

O mesmo caso para o baiés Enrique Labarta Pose. Expón, do mesmo xeito, un resumo biográfico do escritor (1863-1925), a súa contribución á literatura e ao xornalismo, así como as actividades que levan a cabo o colexio Labarta Pose, a entidade Adro e Badius, a recollida de contos por parte de Xosé María Lema e Xosé Manuel Varela, e a iniciativa la comisión para que lle concedan as Letras Galegas a Labarta e que preside Jorge Mira.

O debate de ámbalas dúas propostas podería ser en setembro.

A edición facsímile de «Queixumes dos pinos» sae de novo á venda en Ponteceso

 

 

A edición facsimilar de Queixume dos Pinos levada a cabo por La Voz de Galicia o 12 de novembro pasado para conmemorar o centenario da publicación por primeira vez do poemario por parte de Biblioteca Gallega estará mañá de novo á venda nas tres librarías de Ponteceso. É unha iniciativa da Fundación Eduardo Pondal e La Voz e forma parte do programa Amable Ponteceso da entidade pondaliana. O acto principal está previsto para mañá ás 20.00 horas nas librarías Vidú de Corme e A Pesqueira de Ponteceso. Media hora máis tarde será na Tenda dos libros.

Recital

Haberá recitais poéticos e entregaranse exemplares de Esta é a terra de eidos amigos e da Escolma xeográfica da poesía pondaliana, dos que é autor Manuel Ferreiro, da Universidade de A Coruña e o especialista na obra pondaliana. Acudirán actores que representarán a Rosalía de Castro, a Curros Enríquez e ao propio Eduardo Pondal. A música correrá a cargo do grupo de gaitas Inllar, de O Couto.