«A ciencia pode ser divertida, e mesmo facerse no medio da praia»

p. b. m. / x. a. CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Ana García

A primera edición das Festiciencias resultou todo un éxito

20 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

No corazón e no entendemento dos nenos latexan aspiracións literarias, artísticas, ou tamén científicas, entre outras. Eles son o futuro. A estes últimos latexos quixo chegar onte a primeira edición das Festiciencias, unha iniciativa lúdica e educativa xurdida en paralelo ás Festiletras que están a celebrarse na aldea pontecesá do Couto e, tamén, da man das Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal. Rapaces de Baio, Zas, Buño, Malpica, Corme, Ponteceso, Cabana e Laxe, acompañados por mestres, participaron nunha mañá plena de experimentos, con merenda de por medio. Unha visita guiada pola praia de Balarés permitiulles, inicialmente, coñecer quen foi Isidro Parga Pondal e a historia da mina, de Titania.

David Ballesteros, coordinador das Aulas, resalta a posibilidade que tiveron os nenos e os adultos de coñecer o que se está facendo nelas, «darlle visibilidade». Un mostreo de microplásticos na area, o estudo da molécula da auga ou a fabricación de filtros de area, emulando unha depuración natural, foron algunhas das cousas que puideron ver os pequenos nas varias xaimas alí instaladas. Tratábase, di Ballesteros, de amosarlles iniciativas sinxelas que eles mesmos puidesen trasladar aos seus colexios: «Esa era a idea». Cre que quedaron satisfeitos e que, sobre todo, puideron observar algo moi importante: «Que a ciencia pode ser divertida e mesmo facerse no medio da praia». Ocorreu onte en Balarés.

 Unha oportunidade

Dende a Fundación Eduardo Pondal, promotora das Aulas, explicaba onte Xosé María Varela, xerente, que o fin é acadar moitas miradas de nenos, de xeito que saiban que teñen nelas unha oportunidade e, por tanto, que as propias Aulas teñan tamén futuro.

Así llo desexou, por exemplo, o deputado Xesús Soto, responsable de área de Contratación, Patrimonio e Equipamento da Deputación, quen fixo extensible ese desexo á propia actividade das Festiciencias. Para el, a xornada permitiu poñer en valor a incidencia de Parga Pondal no que significou no seu día Balarés, «lonxe dos valores medioambientais, de esparcemento ou de ocio que hoxe representa». Xunto con Soto e os rapaces compartiron tempo o alcalde de Malpica, Eduardo Parga; o edil de Educación de Ponteceso, Carlos Penedo, ou o concelleiro laxense Ricardo Facal. Había máis convidados, mais desculparon a súa ausencia por unha reunión en San Caetano.