Os Bos e Xenerosos recoñecen a dedicación en prol da colectividade

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

A entrega de premios da Fundación Pondal deu por iniciadas as 35.ª Festiletras

15 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Compromiso, dedicación, constancia e traballo en prol da colectividade son valores que unen ao académico Ramón Villares, á cantante Uxía Senlle, á Fundación Barrié, á escritora Concha Blanco e aos comunicadores e humoristas Marcos Pereiro e Xosé Touriñán. Todos eles foron onte recoñecidos cos Premios Bos e Xenerosos que outorga a Fundación Eduardo Pondal. A ofrenda floral no adro da igrexa de Cospindo e máis o Himno Galego con Inllar abriron a xornada, que deu así por iniciada a 35.ª edición das Festiletras do Couto. Rosalía, Curros e Pondal guiaron á comitiva cara a sede da fundación, onde Alba (voz) e Francisco Costa (acordeón) agardaban co poema musicado Ponteceso.

Poucas asociacións poden presumir de levar 35 anos dun encontro como o das Festiletras, dixo o presidente da Fundación, Lois García. É esta unha entidade «de feitos», que foi quen de poñer en valor e converter «en algo vivo» unha cultura que parecía que ía perderse. Felicitou aos premiados neste ano especial, o do centenario da morte de Pondal e desexou que o Himno Galego «se cante máis». O bardo foi o fío condutor de moitas das intervencións. Así, o académico Ramón Villares, tamén presidente do Consello da Cultura Galega, afirmou que este Bo e Xeneroso é para el un premio especial, non só porque o vincule o escritor, senón tamén «ao principal lugar dos afectos patrios, o himno». Dixo sentirse «a partir de agora un pouco máis obrigado a ser bo no sentido que demanda o verso de Pondal»: bo galego, consciente do compromiso e do que ser galego significa. Tamén xeneroso, «disposto a persuadir e a ser persuadido». «Non sei se merezo o premio, pero si me comprometo a non desmerecelo. Boandanza, Fundación Pondal», concluíu.

Emocionada, a artista Uxía Senlle volveu declararse admiradora do traballo no Couto e confesou que a súa vida «ten sentido cando canto na miña lingua». Para ela, Galicia é un dos países máis pequenos e culturalmente ricos do universo: «A música é fundamental para a comunicación, para espallar a poesía, para sentírmonos en comunidade. É bonito cantar xuntos e tiven a oportunidade de comprobalo moitas veces aquí no Couto, un milagre». Fixo fincapé na posta en valor do himno, con valor simbólico e literario, algo «vivo» que se pode facer «noso». Logo de dedicarlle o premio a Fran Pérez Narf e a Paco Souto, «bos e xenerosos», ofreceu, na súa voz, estrofas do himno.

O apoio á sociedade e ao desenvolvemento e mellora de Galicia que vén prestando a Fundación Barrié dende a súa constitución hai 50 anos mereceu este ano o recoñecemento da Fundación Pondal. María Luísa Martínez Poch foi a encargada de recoller o galardón, desculpando a ausencia do presidente, José María Arias, quen non puido estar no Couto como lle tería gustado. Reciben o premio, dixo, coa satisfacción polo traballo posto en marcha.

Literariamente, aludindo a un «universo de palabras», agradeceu Concha Blanco o seu recoñecemento: «Procurareille ser fiel». Rememorou eses 40 anos de mestra que comezaron en Nemiña, precisamente a onde Pondal ía recibir clases de latín, e onde ela daba escola aos nenos logo de cruzar o río Castro en lancha desde Lires e de continuar polo areal «no coche de San Fernando». Gabou calidades do Couto (primeiro o da casa, altruísmo, humildade, activismo cultural capaz de ilusionar a nenos, mozos e adultos) e dedicoulle o premio á súa nai, «a señora María, viúva de vivos por mor da emigración que coma tantas nais pensou máis en min ca en si mesma, procurándome unha formación e inculcándome uns valores que me axudaron a ser quen hoxe son».

Por causa de forza maior, Xosé Antonio Touriñán non puido estar onte no Couto, mais a través de Marcos Pereiro fixo chegar as súas sentidas desculpas e o seu agradecemento por recibir un premio «de xente boa e xenerosa, que me fixo sentir orgulloso de onde son, de falar a lingua que falo e de seguir crendo que temos a cultura máis fermosa». Declarouse «un máis do Couto, o lugar máis marabilloso». Pereiro reiterouse «agradecido» e pediu que siga habendo Festiletras «mil anos máis»: «Nacemos aquí -como Cantareiras-, somos parte do Couto, vós sodes parte nosa. O que facedes non se fai en ningún outro sitio que eu coñeza».

O valor dunha tarefa colectiva

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, declarou que un dos aspectos máis gratificantes é percibir que detrás das accións que as institucións apoian hai «unha tarefa colectiva, común, compartida, e que ademais medro ano a ano, como as Festiletras». A Xunta sumouse así ao aplauso aos premiados. «Convertemos as Letras na gran festa cultural por excelencia», engadiu.

Non faltou a arte no Couto, con Viki Rivadulla. A muxiá inaugurou a súa exposición A cantiga de Buserán, un reflexo dese mar «no que eu respiro», unha revisión de lendas, un empoderamento das mulleres e, particularmente, unha homenaxe ao poeta e percebeiro Paco Souto: «Tiven o luxo de coñecer a un home-peixe». Do Couto dixo que «é o país que eu quero». Adhara&Ritman chegaron con ela para interpretar dúas pezas e, logo, a coral A Oliveira cantou Ou, Terra de Bergantiños e o Himno Galego. As zanfonas da Escola da Terra, coa coordinación de Miro Casabella, puxéronlle fin á mañá na lareira, en lembranza de Saturnino Cuíñas.