«Hai grandes lugares que teñen poucos metros cadrados, e un deles é O Couto»

V.c. / p. b. m. CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

KOPA

Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán, conxuntamente, levan outro Bo e Xeneroso este ano. Amósanse contentos de recibilo así, xuntos

14 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán, conxuntamente, levan outro Bo e Xeneroso este ano. Amósanse contentos de recibilo así, xuntos, porque así tamén comezou a súa historia co Couto.

-Bos e Xenerosos, ¿e agora que?

-Marcos: Isto é un antes é un despois, isto... é coma ter o título da EXB. Isto supérache.

-Xosé Antonio: Creo que máis arriba xa non se pode ir, pero tamén che digo unha cousa, creo que a nós xa nolo dan como amigos, somos coma da familia [ri]. É moi bonito, e os Bos e Xenerosos son eles, a xente do Couto, da Fundación Pondal, Monte Branco, sempre. Levamos quince anos e penso que O Couto foi dos primeiros sitios a onde fomos actuar, aínda sendo Cantareiras. É unha honra estar ao lado de premiados coma os deste ano, penso que non o merecemos, pero temos enchufe...

-Marcos: Foi dos primeiros sitios, si. Unha das veces aínda entramos pola ventá. Había tanta xente...

-¿Que destacan vostedes desta pequena aldea de Ponteceso á que tan vinculados están?

-Marcos: A verdade é que ten bastantes similitudes con Ardebullo. Parece pequeniño, pero todo o mundo está unido. Para facer un festival como o das Festiletras non pode estar a xente enfadada unha coa outra. Témoslle cariño.

-Xosé Antonio: Creo que hai grandes lugares que teñen poucos metros cadrados, e un deles é O Couto. A programación cultural que hai nas Letras no Couto non a hai nin nas grandes cidades de Galicia. Logo está todo o que fan durante o ano. Hai moita xente que colleu as inquedanzas aí, no que eles fan. Sempre digo que a nós o que primeiro nos chamou foi Xosé María. Oxalá tivésemos en Galicia máis xente coma el e o seu equipo, xa non digo en cada parroquia, pero si uns cantos en cada concello. Así viviríamos nun lugar mellor. A xente da Costa da Morte ten a sorte de ter O Couto ao lado. Hai que sentirse orgulloso de ser da aldea, de ser de onde es, e se aínda enriba es do Couto, penso que non se pode pedir máis.