Hoxe, mañá de festa en Ponteceso para conmemorar o centenario da morte do bardo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Un bo número de autoridades daranse cita na sede da Fundación Pondal

12 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A de hoxe será unha xornada de festa no Couto, en Ponteceso, onde se conmemora o centenario da morte de Eduardo Pondal. A fundación que leva o nome do bardo programou unha mañá de actividades en cuxa organización tomou parte un activo grupo de mozos que revalidan así o seu apoio á aldea pontecesá, ás raíces e á cultura galega, nunha data tan sinalada. A primeira parada será en torno ás 12.15 horas. Así, unha vez rematada a misa na igrexa de San Tirso de Cospindo, darán comezo os actos festivos coa recepción das autoridades asistentes e máis a ofrenda floral diante do monólito levantado para conmemorar o nacemento do escritor de Ponteceso.

Reparto de flores, danza de paus, repenique de campás e foguetes durante a ofrenda darán paso a continuación á interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia a cargo da banda de gaitas Inllar, xa de camiño cara a sede da fundación, onde seguirán as actividades.

Intervencións

No salón de actos, tres actores interpretarán aos autores do Rexurdimento Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Eles serán os encargados de guiar as intervencións. En primeiro lugar, a alumna Alba Costa e o acordeonista Francisco Costa interpretarán o poema Ponteceso. Falará a continuación o presidente da Fundación Pondal, Lois García. Despois, ofrecerá unhas palabras o presidente de Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero.

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por delegación do presidente da Xunta, tamén intervirá no Couto, así como o deputado provincial Suso Soto. De novo, a música será a encargada de pechar as verbas, coa interpretación do Himno Galego a cargo da coral A Oliveira. Agárdase a presenza, tamén, dos secretarios xerais Anxo Lorenzo e Valentín García, da conselleira Ethel Vázquez, dos deputados Ricardo García e Aurelio Núñez, do socialista Xaquín Fernández Leiceaga, e de representantes das tres fundacións do Rexurdimento. Preto xa da unha haberá un percorrido polas dependencias da Fundación Pondal, onde se poderá ver unha mostra das actividades que desenvolve a entidade. A iso da unha e cuarto remataría a mañá de celebración dun ano moi especial, pleno de iniciativas polo centenario do pasamento do autor. Onte, ademais, colgouse na sede da fundación pontecesá un retrato do bardo feito polo debuxante grovense Mon Outeda.