A figura de Pondal viaxará por España en 5,5 millóns de cupóns da ONCE

M. Rodríguez A CORUÑA / LA VOZ

PONTECESO

MARCOS MÍGUEZ

O presidente da RAG eloxia a imaxe do poeta nos billetes, «novo, romántico...»

02 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cinco millóns e medio de cupóns espallarán a figura de Eduardo Pondal por España. Será o día 9 de marzo cando o boleto da ONCE leve a imaxe do poeta, unha foto que está nos fondos da Real Academia Galega e que o seu presidente, Xesús Alonso Montero, confesaba onte que é das que máis lle gusta do autor: «Vexo aí un Pondal novo, romántico, o do Banquete de Conxo do que mañá (por hoxe) se celebra o aniversario». Isto dicía no salón de actos da RAG onde tivo lugar a presentación do cupón.

Manuel Martínez Pan, delegado territorial da ONCE en Galicia, salientou que a entidade «trata de amosar a súa sensibilidade polos temas culturais» e explicou que, aínda que o aniversario da morte do poeta é o día 8 de marzo, esa xornada xa a tiñan comprometida, polo que tiveron que poñelo para o día 9. Tamén asegurou Martínez Pan que o cupón «é unha tarxeta de presentación social» e deu unha serie de cifras sobre a entidade en Galicia, como que ten 3.700 afiliados ou que unhas 700 persoas se dedican á venda do cupón. Rematou animando a comprar o boleto «a ver se podemos ter algún premio».

Para o alcalde pontecesán, Xosé Lois García Carballido, «que o nome de Ponteceso percorra España é algo realmente emocionante». Tamén indicou que vai haber máis colaboracións entre a ONCE e o Concello.