Cinco millóns e medio de cupóns da ONCE lembrarán a figura de Eduardo Pondal o vindeiro xoves 9 de marzo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

É unha das moitas iniciativas incluídas no programa conmemorativo

28 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O poeta Eduardo Pondal será o protagonista do cupón da ONCE na xornada do xoves 9 de marzo. É unha das moitas iniciativas incluídas no programa conmemorativo do centenario da morte do bardo impulsado pola fundación que leva o seu nome (100 actos para 100 anos). Así, o cupón, cun deseño da autoría de Adrián Varela, darase a coñecer mañá, mércores, ás 12.00 horas, na sede da Real Academia Galega (A Coruña). Alí estarán presentes o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan; o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero; o presidente da Fundación Pondal, Lois García Carballido, e o xerente desta mesma entidade, Xosé María Varela.

Máis alá de Ponteceso

Ese día, 9 de marzo, serán uns cinco millóns e medio de cupóns os que se distribúan por España, recordando a figura do escritor, autor do himno galego e de obras tan senlleiras como Queixumes dos Pinos. Este 2017 está sendo, ademais, un ano moi especial, toda vez que as tres fundacións do Rexurdimento (Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Pondal) colaboran para impulsar actividades conmemorativas do centenario máis alá de Ponteceso.