O entroido que sae das entranas


Ovenres, ás oito da tarde, a Biblioteca Municipal de Ponteceso encheuse de ledicia e de sentidiño.

Ledicia a que sentían e transmitían os compoñentes da Asociación Cultural Raigañas, de Cerqueda, compartindo con nós ribeiranas e punteados, arroupadas por coplas rexoubeiras. Entusiasmo por ter descuberto as festas dos seus maiores; entusiasmo por pasarlle o sombreiro de fitas coloridas dos Madamitos e o traxe branco dos Ghuardineros ós máis novos da parroquia.

Sentidiño emanaba José Antonio Añón Lista cando nos explicaba, a continuación, a orixe centenaria -alomenos- da Mikaela de Buño: o Concello debe aportar a infraestrutura para que esta procesión profana discorra con normalidade; a Mikaela é de todos e non patrimonio dunha asociación, os mozos deben relevar ós veteranos para que a tradición non esmoreza.

A maiores, os participantes no coloquio aportaron outros rituais específicos desta bisbarra bergantiñá: o Xogo das Vacas, moi estendido antano tanto en Mens e Barizo (aínda alí se manteñen) como en Cerqueda.

Tomen nota os nosos lectores da Costa da Morte (entre eles os nosos políticos): a proliferación de desfiles remunerados de comparsas, a imitación do Sambódromo de Río de Janeiro, non quita de que volvamos a ollada ó noso pasado, á nosa propia esencia, a recuperar as regueifas, disfraces e ritos dos nosos antergos, cordón umbilical que nos une ó resto de comunidades campesiñas do mundo: Os Madamitos repítense na Terra de Montes -co traxe negro das vodas e moitos colares ó pescozo os homes-, Entrimo, pobos de León ou do País Vasco (perenne sátira dos labregos contra os señoritos das cidades); a Mikaela é a Vetula ou Vella, a Befana ou Bruxa que queiman en Italia, a Bruxa dos Blini dos rusos, a Febreira dos extremeños… en fin, o inverno que hai que exorcizar por todo o frío, doenzas e pragas que trouxera, varrendo coa vasoira todo aquilo, coa esperanza posta na próxima primavera. A fin de contas, o Aninovo debería ser «cando nacen tódalas flores», como comentaba Rosalía de Castro, referíndose ó 24 de febreiro, data do seu nacemento.

Quedádevos con estas leccións que nos brindaron Raigañas e Añón Lista: a festa, en primeiro lugar, é para diversión nosa e nosa é a diversión que ten que haber na festa.

Bo entroido a todos!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O entroido que sae das entranas