«Percibo un punto de inflexión na regueifa»

A regueifa e as demais artes improvisatorias retóricas galegas centran o acto desta tarde no Couto. Fala o autor de «Repente Galego»


Varios anos de investigación en torno ás regueifas e outras manifestacións semellantes deron os seus froitos no libro de Ramón Pinheiro Almuinha Repente Galego. O autor visitará esta tarde a aldea pontecesá do Couto (17 horas) para presentalo na Fundación Pondal xunto con Sergio de la Ossa, responsable das transcricións e o estudo musical, e participar nunha sesión na que intervirán regueifeiros de Bergantiños e Soneira.

-¿A obra cubre un baleiro?

-É certo que non había ningún estudo que explicase que é isto. Si que hai algunhas pequenas monografías de carácter etnográfico, pero non algo que abordara o xénero improvisatorio oral, así que no 2008 ou 2009 puxéronse en contacto comigo e formei un equipo con Sergio de la Ossa. Foi un traballo de varios anos porque abrangue desde a zona da regueifa, no occidente de Galicia, ata as montañas orientais, onde están as loias e os brindos; e metidos xa na investigación vimos que había tamén improvisación nos mallos, no entroido, no ciclo de Nadal, os aboios... Ademais no libro faise unha análise retórica das composicións, que é unha das grandes aportacións desta obra, porque é a primeira vez que se fai en Galicia. Tamén analizamos como eses recursos foron pasando a outros espectáculos, como os títeres, o hip hop, narradores orais e mesmo a poesía.

-¿É unha evolución natural ou un proceso consciente?

-Cando entrevistei a actores e profesores de voz vin que eles teñen identificada a regueifa como unha forma parateatral que lles interesa, así que si hai unha parte dos creadores contemporáneos que son máis receptivos ou máis atentos a ese tipo de cousas; pero moitos outros non, e aínda que empreguen ferramentas que comparten coa regueifa nin son conscientes nin as reivindican.

-¿Como cualificaría a saúde destas manifestacións?

-Nos últimos catro ou cinco anos estou percibindo un punto de inflexión. Durante moitos anos a asociación ORAL de Vigo fixo unha travesía no deserto importante, pero de repente apareceron proxectos como Regueifesta, cos profesores Séchu Sende e Manolo Maseda, que viron que había un oco para crear unha asignatura e fomentar a regueifa, e iso está a cambiar todo porque é un xeito de entrar no ensino tal como se está a facer desde hai anos en Cataluña coas corrandas ou no País Vasco. Por outro lado, temos os cursos formativos de Vigo, que levan facendo desde hai tempo xente como Luís Caruncho, Pinto de Herbón, Bieito Lobariñas e Josiño da Teixeira; de aí saíu Alba María, unha rapaza que é tamén cantante e está moi interesada en todo este tema. É unha creadora urbana que está facendo da regueifa algo de corte máis contemporáneo. Así que parece que está pasando algo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Percibo un punto de inflexión na regueifa»