Música e teatro para lembrar a Xosé Neira Vilas en Ponteceso

Á. P.

PONTECESO

Ana Garcia

Tamara Lema e Senén Vaamonde amenizarán o acto previsto para hoxe no centro cultural

31 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tal día como hoxe de hai un ano, Ponteceso rendía unha homenaxe póstuma a Xosé Neira Vilas cun acto no centro cultural da localidade -bautizado só unhas semanas despois co nome do autor dezán- que servía para lembrar a súa fonda e fecunda amizade. Hoxe, a Fundación Eduardo Pondal volverá renovar os lazos co autor de Memorias dun neno labrego e fillo adoptivo de Ponteceso nese mesmo escenario dando vida ás súas creacións e recuperando a súa memoria.

Tamara Lema encarnará á súa personaxe máis universal nun monólogo titulado Eu son Balbina, e Senén Vaamonde recuperará as Cantarolas para xente miúda que escribira Xosé Neira Vilas xunto coa súa dona, Anisia Miranda, e que musicara Suso Vaamonde. Senén está acompañado neste proxecto que xa ten visitado outros municipios da Costa da Morte por dous dos músicos do grupo A Roda, Alfredo e Manuel. Os actos de hoxe darán comezo ás 11.30 horas e contarán coa participación dos alumnos do colexio Eduardo Pondal, do presidente da Fundación Neira Vilas, Luís Reimóndez, e con algúns dos amigos que o autor deixou tanto en Ponteceso, como en outros municipios veciños. Tamén está convidado o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.