Lugares, caros lugares

Luís Giadás

PONTECESO

27 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Entramos xa en Agra de Montes (en 1680, esta Agra daba dous ferrados de pan) e xiramos cara O Briallo. O Campo de Marico marca a divisoria entre Agra de Montes e aquel núcleo: na infancia de Pondal debeu ter plantación arbórea porque o poeta sitúa no «Pinal de Marico» o tristeiro cantar do mazarico.

Chegamos ó inicio da Costa do Briallo, ó pé do proxectado «Hotel do Briallo», primeira parada neste percorrido. «Briallo» é un topónimo (altura, na lingua prerromana) que se repite en Cesuras e Lousame ou, na forma plural, en Pantón e Portas. O Foro de Briallo foi entregado, o 12 de xaneiro de 1671, ó licenciado don Diego Osorio Vaamonde, párroco de Cospindo, pola renda de catro ferrados e medio de trigo.

Dende esta parada, baixamos pola Corredoira da Breixa, camiño vello entre A Ponte e Corme, chamado así pola proximidade dunha breixa ou fervenza: a da Regueira da Pedrosa, onde o Río Agueiro (Caldeiras ou Mularedo, segundo por onde discorra) embórcase sobre A Brixería (Verguería, nos documentos antigos). Viramos á dereita, deixando á esquerda a Corredoira de Sabino ou Corredoira Fonda, e avanzamos polo Torno (mágoa do río de lavar, dobre e transversal, baixo tellado, hoxe xoia etnográfica), nome que evoca un desvío da beira dun río, como na Fonte do Torno (Brantuas) ou nos Tornos da Viaxe de San Pedro de Visma, acueducto que levaba a auga a Coruña.

Do Torno chegamos a nosa segunda parada: a Rúa da Torre, que forma parte do cuadrilátero orixinal de Curispineto ou Curispinidi (Cospindo) da doazón do conde Pedro, por consello do arcebispo Gelmírez, á igrexa compostelá, en 1124, e da posterior cesión de Fernando II, rei de Castela ó mosteiro de Sobrado, en 1178, e que, no devandito documento de 1671, figura como «sitio Das Casas», con oito ferrados de renda. O cuadrilátero -evidenciado pola densidade urbanística e pola uniformidade tipolóxica da construción cos galiñeiros a base de antas- vén sinalado pola Rúa da Caramoniña, A Encachada, a Rúa da Fonte, O Quinteiro e esta mesma Rúa da Torre.

Caros lugares. Carrera guiada Mañana se celebrará en Ponteceso esta ruta lúdica que organiza la Fundación Eduardo Pondal y la agrupación deportiva Abellariza. La salida será desde la sede de la fundación a las 11.00 horas y la meta será en la Casa dos Veciños, donde habrá música y pinchos para los participantes.