Lugares, caros lugares, ¿non me coñecedes vós?

Luís Giadás PATRONO DA FUND. PONDAL

PONTECESO

26 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Así clamaba Eduardo Pondal, unha vez que retornara ó seu Val Nativo tras longa ausencia.

Para gozar da patria chica do Bardo, a Fundación Eduardo Pondal e a Asociación Abellariza IES Ponteceso convidan a todo o que se anime -independentemente da idade e das condicións físicas- a unha carreira que se desenvolverá o próximo sábado 28 de xaneiro, entre as 11 e as 12,30 horas.

Comezaremos no Pombal do Cura, a carón do aparcadoiro da Fundación: xa aparece esta construción nun documento de 1671, ubicado no «sitio Das Casas». Á man esquerda do mesmo, consérvase o estreito camiño que sube cara a Agra de Montes e que, antigamente, formaba parte do Camiño Real que viña dende A Bouza do Xuncal (Ponteceso) ata o porto de Corme, pasando polo Agro da Costa da Bouza («En 1607, catorce ferrados de pan de sementeira»), Agro da Cruz de Valongo (cruz hoxe en día fincada no valado que delimita o aparcadoiro) e pola Cancela (datada xa en 1591) .

Enfronte deste vello camiño a Agra de Montes, onde agora está o valado do aparcadoiro, xurdía a Fonte de Santiso, un manancial a rentes do devandito Camiño, agora coutado polo cercundo do Agro da Igrexa.

Esta carreira-andaina arrinca do Pombal e sobe a pista asfaltada que leva ó Outeiro («En 1591, o Agro do Outeiro daba dous ferrados de sembradura»), deixando á nosa dereita Valongo (agro moi fértil: en 1591, produce tres ferrados de trigo; en 1680, seis) e, pasado O Outeiro, atopámonos, á nosa esquerda o vello camiño, cunha cruz chantada á súa marxe e coa mellor vista da aldea de O Couto: as cruces do cemiterio enmarcan o campanario da igrexa e, por detrás del, os cabazos empoleirados sobre os Agros da Aliaza e da Abelleira e, coma pano de fundo, Monte Borneiro, O Gontón das cuitas xuvenís de Don Eduardo.