As derradeiras tecelás de Brantuas e Niñóns

xosé m. varela

PONTECESO

gervasio varela regueira

«Mans para compoñer o necesario enxoval de cada casa. Mulleres imprescindibles no rural»

15 ago 2018 . Actualizado a las 01:29 h.

E vaise tirando do fío da memoria para urdir un catálogo de pequenas publicacións coas que coñecer cada vez máis, polo miúdo e por enteiro, as parroquias de Brantuas e Niñóns. As derradeiras tecelás (Asociación Cultural Nosa Señora do Faro) de Gabriel Varela Pose é outro chanzo máis nese rescate do imaxinario colectivo que se ofrece, en branco e negro, como espello de imaxes, xentes e un tempo que transita aínda próximo a nós aos pés do mítico monte Faro.

As derradeiras tecelás. Mulleres imprescindibles no rural. Mans para compoñer o necesario enxoval de cada casa. Roupas de diario e dos días de festa. Sabas, colchas ou manteis e as pezas máis íntimas de cadaquén. Mestras nun oficio transmitido de xeración a xeración. A brancura nas súas mans e nas teas entalladas con agarimo.

Oficios que se mesturan: os canteiros soerguíanlles a sala de traballo e os carpinteiros armábanlles o tear. Entremedias, outros compoñían taller, sarillo, espadela, tascón e máis pezas miúdas. E moito antes de chegar á tea, nas fiadas, cantos e contos para mellor levar as noites de inverno «á lus do candil». Nesa semipenumbra, os corazóns da mocidade latexaban en faíscas.

A nostalxia cobre o tempo destas mulleres do liño. A pátina dos anos ofrécenolas na imaxe conxelada dun cadro. Serían a envexa dos pinceis de Sotomayor. Pés nas premadeiras e a lanzadeira nun ir e vir para devalar as horas do día. Barca cun fol de fío que navega entre a urdime para ir tecendo o pano a cada paso. Donas dos mandos do tear como quen dirixe con delicadeza unha sinfonía de cristal. A música das aldeas ao ritmo compasado dos pés.

A agardada ledicia para os oídos do camiñante entre a xeada lama das corredoiras. Calquera erro obriga a un silencio nesa partitura. Leva a destecer. «Costureira non a quero, tecelana tampouco, porque de noite na cama baixa un pé e ergue outro». A marabillosa fermosura musical da lírica popular.

Gabriel de Soneira é o gardián da memoria das parroquias de Brantuas e Niñóns. Druída a tempo completo na súa merecida xubilación. Un home de mar que reescribe con cariño e emoción a terra nativa. Cada setembro, durante a novena da romaría do Faro, vainos presentando novas e atraíntes anadas. Colleitas do remate de verán cando xa minguan as horas de sol. Canteiros, arrieiros, zoqueiros e, agora, as benditas tecelás.

Nomes de muller que fican a perpetuidade no recordo da veciñanza: Carmen Cambón Varela, Victorina Blanco González, Manuela Rodríguez Moure, María Varela Montáns, Asunción Dourado Varela, Natalia Barreira Lema, Mercedes Varela Varela e Estrella Pérez García. Fadas e Penélopes de noso. Algunhas aínda tocades na familia paterna. Na vosa memoria.

Tiñades ben gañado un libriño coma este. Parabéns a todas vós e ao incansable Gabriel. Exemplo para o resto de parroquias do país bergantiñán. Petrificadas nun destempo. A ver con que nos sorprende na vindeira novena cultural. Coma sempre, agardamos ansiosos.