As Festiletras recollen o sabor da vida e a memoria das mulleres

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

José Manuel Casal

Historias de forza e traballo, gastronomía, natureza, literatura e música completaron a xornada de mércores na aldea do Couto

19 may 2016 . Actualizado a las 20:26 h.

«A min gústame moito escoitar, pero tamén teño moita lingua», dicía onte pola tarde con sorna Charo Figueiras Lema. Ela, mariscadora, é veciña do Couto. Ten 58 anos. Foi unha das aproximadamente 16 participantes no obradoiro de memoria colectiva Os traballos das mulleres, coordinado pola psicóloga social Olalla Villaronga. Nada menos que tres horas de concentración, extraendo da experiencia propia aquilo que elas gardan: «Tratábase de lembrar e poñer en valor os traballos que elas desenvolveron e desenvolven, tanto na parte produtiva como na casa, nas hortas ou no monte. Eses traballos forman parte da vida. A súa vida é traballo», explicou a propia Olalla ao finalizar o taller. A maioría das participantes estaban vencelladas ao Couto, por nacer alí ou por ficar asentadas nel.

Mulleres que superaban os 55 ou 60 anos. Coma Charo. Riron, falaron e escoitaron. «A min gústame moito oír á xente, sobre todo á maior. Dá gusto. Eu tiña unha nai que sempre me contaba historias». Tempos de chegar de fóra, do traballo, e de ir á agra ou de sachar. Charo cita a esas mulleres que, como recordaron e comentaron onte, traballaron na mina: «Eran tan jovenciñas...». Foron tres horas de posta en común, pero, tal e como ri ela, «aínda nos quedou algo sen contar». Falou de como empezou no marisqueo e di sentírense «contentos e orgullosos» das Festiletras que teñen no Couto. A coordinadora, Olalla, nada en Santiago, coñeceu a aldea a través duns amigos que viven no entorno. Xa visitou o lugar un par de veces antes de agora: «A proposta deste obradoiro saiu porque me comentaban da forza das mulleres de aquí». Gaba do Couto o seu movemento social, xa non só no tempo de Festiletras, senón o resto do ano. A de onte foi unha xornada completa: comezou cun roteiro polo Val Nativo de Pondal, co CPI de Bembibre.

 O programa para hoxe

12.00. Na Fundación. Homenaxe a Manuel María. Lembranza do maio de 1983, cando se homenaxeou na Casa dos Veciños. Recital poético da mocidade: alumnado do instituto de Ponteceso.

 17.00. Na Casa dos Veciños. Fantoches Baj representa «Os vellos non deben de namorarse».

18.00. Na Casa dos Veciños. Salón de baile cos gaiteiros do Centro Coreográfico Galego. Chocolates Mariño e roscón de Brantuas.

21.00. Na Fundación. Petiscos musicais con Talabarte e o restaurante Artabria (irmáns Mato Bermúdez). A entrada é gratuita, mais o aforo, limitado.