Carballo / La Voz

Os Premios Bos e Xenerosos 2016 recoñeceron onte o esforzo colectivo, o esforzo dos devanceiros e dos presentes, as orixes, o traballo dende as raíces. Xunto coa ofrenda floral no monólito diante da igrexa e coa interpretación da banda Inllar, estes galardóns que concede a Fundación Eduardo Pondal botaron a andar a 34.ª edición das Festiletras do Couto (Ponteceso), festa única das letras e da cultura galega.

Emocionouse a actriz Isabel Blanco ao recoller o premio como Boa e Xenerosa da man do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, exprofesor seu: «Este contexto é moi especial. Foi neste enclave do mundo onde se xuntaron a miña vida persoal e profesional». Filla de emigrantes, dedicoulle o galardón a seus pais e a toda esa xente anónima que un día emprendeu o camiño do sacrificio e do esforzo calado cara a diáspora, a Galicia nunha cápsula. Ela, dixo, «filla da liberdade», si puido ser visible, pero grazas a eles. Cre que todo está tecido por un fío, quizais o destino.

Por unha sorte de casualidade tamén foi como o avogado e ornitólogo José Luis Rabuñal chegou á comarca bergantiñá, tendo dende o 1976 a casa dos sogros en Laxe, contou, como base de operacións para a súa vocación: a natureza. Puxo o seu premio como Bo e Xeneroso, recollido das mans de Blanca García Señoráns, directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, «a disposición de quen é merecedor del: o esteiro do Anllóns». Leva 40 anos de busca de coñecemento, mais tamén de achegamento ás paisaxes humanas. Agradeceu á Fundación e aos veciños a colaboración e a amizade: «Aquí me teredes sempre á vosa disposición». Avanzou, ademais, que non ten previsto retirarse da ornitoloxía: só o fará cando a vida lle mostre «a tarxeta vermella».

A escritora Fina Casalderrey iniciou as súas simpáticas palabras cun cariño cara o «profesor» que lle entregou o galardón e de quen reseñou o seu activismo: Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega. Fina, que se definiu como unha «mestra de escola que escribe», lembrou aos antergos e a Pondal, «ese mineiro da lingua que soubo extraer todo o ouro oculto e culto que había nunha lingua silenciada durante anos». Dixo sentirse privilexiada por compartir espazo cos outros Bos e Xenerosos e fixo un canto ao afecto: os éxitos sen afectos son «flores de papel». Evocou a Manuel María: «Isto que estou a vivir hoxe vai ir ben gardado na lembranza».

Hai 20 anos, como el rememorou, o gaiteiro Carlos Núñez empezou a mandar faxes a toda Galicia para ver se alguén os contrataba. «Non estaba nada claro poder dedicar as nosas vidas á música», contou. Mais un día responderon: dende Ponteceso, dende O Couto. ¡Si, saíra un concerto! Aí empezou todo. Núñez, que recolleu o seu premio da vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, quixo así mandar unha mensaxe de ánimo ás novas xeracións de músicos, ánimo tamén para seguir pola senda da conexión celta: «É unha marca que paga moito a pena. Ningunha outra foi tan cariñosa e respectuosa con Galicia e coas nosas tradicións, co que somos». E, somos, dixo, un equipo. Falou da herdanza que deixou Galicia, de Pondal, do que lle debe a música ás letras, da necesidade de pensar en concepto mundo. Aí está: o esforzo colectivo.

O traballo en común

O presidente de Fundación Pondal, Lois García, tivo palabras de afecto para os catro premiados. Púxolles os deberes de seguir espallando as bondades de Ponteceso e lembrou o traballo constante de moitos durante todo o ano na Fundación, organizadores e participantes, partindo xa de que o edificio «foi construído por un obradoiro de emprego». O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, en representación da Xunta, aplaudiu o traballo dos premiados, da Fundación e dos colaboradores. Citou ese «esforzo colectivo en prol da comunidade» e dixo que a celebración das Letras tamén era unha proba de tarefa compartida. A voz de Guadi Galego, con Guillerme Fernández, e o Himno de Galicia coa coral A Oliveira de Monte Branco puxeron fin ao acto. «Son os esforzos do día a día, das pequenas cousas, os que nos enchen», afirmou Guadi. Por iso se sente leda no Couto.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Os Bos e Xenerosos premian o esforzo colectivo e o afecto ás raíces propias