Moitos coutos

Juan Ventura Lado Alvela
J. V. Lado O OUTRO LADO

PONTECESO

16 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Acongregación de figuras da cultura galega -e do que somos como pobo entre os que mellor o saben expresar- que se viviu onte na aldea do Couto, ese reduto galo ou celta, ou como se queira nomear, pero sobre todo galego e que acabará por estudarse nas universidades, é sen dúbida de celebrar. Poucas vilas principais do país, nestes días das Letras nos que en todos os currunchos, con máis ou menos fe, se recorda aos que fixeron grande a nosa lingua, poderán presumir de ter entre os seus convidados ao presidente da Academia, a un gaiteiro universal, a unha actriz con maiúsculas, a unha muller que resume en si mesma todo o mellor desta terra e a un home que consagrou a vida ao estuario do Anllóns.

Couto como este só hai un, pero farían falta centos, milleiros. Farían falta os suficientes coutos para que a ninguén se lle ocorrese xamais comparar unha bandeira, gústelle máis ou menos, coa máxima expresión de xenocidio e a ignominia. Serían precisos tantos coutos como «manolitos» hai esparexidos por este chan que xa deixou de pisar Neira Vilas. Estamos necesitados do suficiente número de coutos para mandar ao rocho dos tempos os prexuízos que fan desprezar o propio e que deixan en evidencia a todo aquel que se sinte máis por abrazar ao alleo.

Pola memoria de Manuel María, por suposto de Eduaro Pondal, de Alfredo Brañas, de López Abente e de tantos como pelexaron para que non esquecésemos quen fomos e o que podemos chegar a ser, non queda máis que agradecerlle a Ponteceso, ao Couto e a todas as mulleres e homes que manteñen acesa esa chama, o traballo que fan todo o ano para que reluza coma nunca nestes días.