«O meu sentimento está nesa terra, nesa xente, de aí veño»

La Voz

PONTECESO

GUSTAVO RIVAS

A actriz Isabel Blanco di que este recoñecemento é tamén de seus pais

14 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Isabel Blanco, nacida en Berna e filla de emigrantes de Santa Comba, di posuír un «sentimento de pertenza» a Bergantiños e a Galicia, algo que «marca todo o que fago». Por iso, e porque cre que o galardón chega dalgún xeito a través desa cercanía que profesa, afirma sentir «moitísima ilusión» polo recoñecemento como Boa e Xenerosa. Ela, que vén «daqueles que un día emprenderon un Camiño de Santiago ao revés, por un motivo menos espiritual e máis económico», adora estar coa xente, mesturarse con ela, empaparse, de aí que tamén lle guste a televisión. «É o premio deles», di sobre seus pais. Así o expresou en Radio Voz Bergantiños: «Mamei o seu espírito, o espírito que había nesa cápsula que era Galicia na diáspora, esa cápsula de Galicia que se chamaba Suíza. Veño dunha xente que fixo moito esforzo e sacrificio. Vivín Galicia narrada a través de meu pai, coma se fose escritor. Contoume Galicia». Con aquilo que lle contara, e co galego na lingua, chegou Isabel aquí aos 16 anos. Xa tiña ese sentimento de pertenza: «Débese á emoción que tiñan eles e que eu herdei». Fala dos galegos de toda a vida, de ADN, deses bos e xenerosos que non transcenden. Nunha ocasión fora invitada a dar o pregón das Festiletras, mais non puido. Mañá poderá expresar o seu cariño en persoa, compartilo cunha terra coa que garda vínculos persoais e raíces, mais que a marcou tamén como actriz. Lembra o papel de María Ares na eterna serie Mareas Vivas: «Un personaxe que son moitas mulleres de aí». Gaba o movemento que hai no Couto: «¡Que simboloxía e que maxia para min!».

Traballa agora nun proxecto relacionado con esa patria que é sentir a pertenza única a un pobo que tamén o é: «O meu sentimento está nesa terra, nesa xente, de aí veño, aí está o que me define. Non entendería o mundo noutro lugar, sen estar vencellada a Galicia».