«Imos polas praias recollendo o material que nos deixa o mar»

Verónica Couto CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

José Manuel Casal

Imparte obradoiros de cestería nos que se empregan materiais reciclados, apañados no entorno

25 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As aldeas son fontes de riqueza, están cheas de historia, da nosa historia, e tamén, por suposto, de vida. Isto teno moi claro Lola Tourón (Samos, 1970), quen mediante varios proxectos intenta recuperar e transmitir xeitos de facer e costumes, reafirmando ademais o dereito a vivir no medio rural. Para todo iso é necesario ter clara tamén a importancia de coidar do noso entorno, do noso medio ambiente.

-¿Como empezou a súa vinculación coa artesanía?

-Na miña casa todos eran artesáns, pero non se dedicaban a iso como oficio. Aínda así, sempre se facía todo o que se precisaba. Meu tío e meu pai facían os zocos. Miñas tías facían todo o proceso do liño, sementábase, cultivábase... Ademais, tamén o proceso da la, tecíase no tear. Entón, digamos que vivín con iso dende a infancia.

-Agora desenvolve un proxecto na aldea do Couto, en Ponteceso. ¿Que están a facer alí?

-Estamos intentando dinamizar o que nós entendemos que é a vida de aldea. Un pouco recuperar como viviamos antes, sen necesidade de volver atrás en certas cousas. Recuperar os valores culturais e os nosos cultivos tradicionais, as sementes e especies que nós mantiñamos sempre. Tamén temos un obradoiro de cestería e un club de calceta.

-¿Falamos dun obradoiro de cestería no que utilizan material reciclado tamén, non?

-Si, imos polas praias e recollemos o material que nos deixa o mar e logo con iso facemos pezas de cestería, a parte de con outros materiais naturais que pode haber na zona. Intentamos identificalos e empregámolos na cestería. Creo que hai moitos materiais que podemos utilizar, aos que podemos alargarlle a vida... Como a cantidade de plásticos que temos, que son unha desgraza para este planeta. Podemos reutilizalos.

-¿Utilizou materiais reciclados dende sempre?

-Si, é un tema que sempre me interesou porque neste momento cómprase moito material, pero a cestería ten unha saída difícil no mercado: se tes que comprar o material xa estás moito máis limitado polo aspecto económico. A idea de empregar todo tipo de materiais que chegan ás miñas mans sempre me pareceu un tema moi interesante. Son todo vantaxes: limpamos o noso planeta e ademais aforramos.

-¿Pódense facer moitas máis cousas das que comunmente cremos con materiais reciclados?

-Evidentemente, calquera técnica de cestería que se faga con materiais naturais pode facerse con este tipo de materiais que imos recollendo. Poden ser idóneos para certo tipo de cousas, como por exemplo maceteiros para o exterior porque teñen un deterioro lento e unha vida moi longa. Ademais manteñen a auga.

-¿Que soen dicir os seus alumnos cando lles propón utilizar materiais usados por primeira vez?

-En principio a reacción sempre é un pouco de confusión, porque estamos traballando con residuos. Entón, ao primeiro, como que non parece atractivo. Cando se ven as pezas feitas é cando te dás conta de que efectivamente pode ser unha peza preciosa, que ademais ten cores que non podes conseguir con materiais naturais. É un xeito de avanzar nas técnicas de cestería sen ter que mercar materiais.

-Ademais da cestería está involucrada nun banco de sementes. ¿En que consiste?

-A idea do banco de sementes é un pouco ambiciosa, porque para crear un banco de sementes necesítanse moitas e ademais moita documentación. Sería un proxecto a longo prazo. En principio o que queremos ver é canta xente de por aquí está interesada na calidade do que come, canta está poñendo horta, canta recolle as sementes... Estas prácticas que se facían dende sempre.

-¿Como funciona entón o banco de sementes?

-Fixemos unha xornada de trocos de sementes na Fundación Eduardo Pondal o venres. Estivo invitado todo o mundo, que tivera sementes na casa ou simplemente que lle interesara o tema, por curiosidade. Cada un levamos as nosas sementes, todos aportamos e facemos trocos.

-¿Intenta tamén transmitir nos obradoiros que imparte e tamén neste banco o interese por recuperar as nosas tradicións?

-Nós, en todos os obradoiros que fixemos aquí xa intercambiamos sementes entre nós. Esta vez queremos que veña máis xente, facelo máis grande para ter mais variedade. É moi importante saber que comemos, non mercar variedades foráneas cando temos as nosas propias, que están xa adaptadas a este medio, son moito máis resistentes a pragas e a outro tipo de cousas. Funcionan moito mellor na nosa horta. Temos un comercio excesivo. Os nosos antepasados non eran tan consumistas, tamén por necesidade, tiñan que gardar as sementes para a colleita do ano seguinte, intercambiábanas con aldeas próximas.

-Por todo iso tamén a defensa do dereito a vivir no rural.

-Somos persoas que escollemos vivir no rural e gozamos diso. Queremos ter unha calidade de vida e enriquecer o sitio no que estamos na medida do posible. Gozar sen deixar unha pegada demasiado dura nin contaminante. Todo ten que ver coa saúde e co benestar do individuo.