Isabel Blanco, Carlos Núñez, Rabuñal e Fina Casalderrey: Bos e Xenerosos 2016

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

José Manuel Casal

A actriz, o gaiteiro, o ornitólogo e a escritora son os premiados este ano pola Fundación Eduardo Pondal

06 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A primavera trae flores e tamén novos Bos e Xenerosos. O padroado da Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso vén de facer públicos os nomes dos galardoados neste 2016: son Isabel Blanco, Carlos Núñez, José Luis Rabuñal Patiño e Fina Casalderrey. Os Premios Bos e Xenerosos, no seu afán de recoñecer o compromiso, a defensa e o espallamento da cultura galega véñense entregando dende o 2009, tamén como un xeito de tributo á traxectoria de cada unha destas persoas, todas elas con innegables aportacións á sociedade bergantiñá e de máis alá.

Moitos lembrarán á actriz Isabel Blanco, nacida en Berna mais filla de emigrantes de Santa Comba, por aquel seu papel na serie que marcou a historia da Costa da Morte: Mareas Vivas. Imposible citar todos os traballos desta muller, mais si cómpre acordarse da significativa película Un franco, catorce pesetas. Humilde, ten moita vinculación coa zona. Dende a Aldea do Couto foi convidada nunha ocasión a dar o pregón das Festiletras, mais obrigas laborais impedíronllo. Agora si, poderá reforzar aínda máis ese lazo.

O vigués Carlos Núñez é, sen dúbida, un dos mellores gaiteiros do mundo. No seu haber, unha extensa discografía berce de raíces celtas difícil de resumir e tamén a participación en proxectos que pasaron por aquí, como aquel grupo Matto Congrio. Cadra que tamén neste caso hai vencello co Couto: foi nas Festiletras do ano 1995 onde Carlos fixo a súa primeira actuación coa banda. Hoxe, se cabe, é máis estrela aínda.

A pontevedresa Fina Casalderrey leva no corpo a docencia e a escritura. Ela é unha muller sensible, autora de literatura pensada para os máis novos. De prolífica creación, non poden esquecerse obras dela como O misterio dos fillos de lúa (1955), texto de narrativa que acadou o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil. A académica tamén sabe do Couto: de feito, na Casa dos Veciños xa ten placa conmemorativa dende 1999.

Ponteceso e Cabana, finalmente, non se entenderían sen o traballo de tantos anos do ornitólogo José Luis Rabuñal Patiño, nado na Coruña. Alí por onde vai, fala da riqueza do estuario do Anllóns e da Enseada da Insua, zonas ás que lle vén dedicando as súas fins de semana dende mediados dos setenta. Non hai maior experto ca el nesta materia: ama o medio ambiente, busca o coñecemento, divúlgao e, sobre todo, sempre está presto a colaborar. É bo conferenciante e boa persoa.