Sopros de futuro no aniversario de Pondal

A. Lavandeira, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Pequenos, música, contacontos, torta, flores, agarimo e visitas en Ponteceso na memoria do bardo

05 feb 2016 . Actualizado a las 21:44 h.

Eduardo Pondal (1835-1917) reviviu na ledicia dos nenos e nenas de Ponteceso e nos seus sopros de aire. Polos pequenos e pequenas que serán homes e mulleres do país e polas actividades que están por chegar, foron onte sopros de futuro os que apagaron as velas da torta do 181.º aniversario do nacemento do bardo. A de onte, organizada pola Fundación Eduardo Pondal, resultou unha festa de agarimo: ata ela achegáronse, entre outros, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e tamén o secretario da Fundación Curros Enríquez, Antonio Piñeiro. Houbo música e tamén houbo flores.

A xornada comezou madrugadora, coa recollida dos nenos no colexio Eduardo Pondal. Xa na sede da Fundación, gozaron da música da mestra Blanca Represas e tamén da interpretación do poema Ponteceso por parte de Silvia Losada, xustamente diante da igrexa onde o autor fora bautizado no seu día. Repicaron as campás de festa da man do párroco José Manuel Varela e, logo, alumnado e convidados depositaron un ramo de flores no monólito do adro. A comitiva, guiada de novo polo clarinete de Represas, volveu á Casa do Cura, onde xa agardaba Anxo Moure listo para engaiolar cos seus contos. Aínda virían despois as velas, o pastel, o Parabéns cantado e a música de Gloria Mosquera.

«Dende a Xunta de Galicia, xa sexa dende Política Lingüística ou ben dende Cultura, sempre estamos presentes nalgunha actividade que se realiza neste día de hoxe, neste aniversario do nacemento de Pondal», dixo o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Cualificou ao bardo de «figura fundamental do Rexurdimento literario e cultural desa Galicia e do século XIX» e, nese sentido, admitiu, «o traballo desta Fundación é algo que debemos apoiar». Xa sexa a través da cooperación para determinadas iniciativas ao longo do ano ou ben, coma onte, con presenza en actos puntuais, dixo que a «liña de colaboración» coa entidade pontecesá é constante. O secretario xeral de Cultura fixo extensible ese vencello ás Fundacións Curros Enríquez e Rosalía de Castro. Xustamente, como representante da primeira, estaba onte na vila de Pondal Antonio Piñeiro. «Temos unha relación xa vella», dixo en relación aos bergantiñáns. Tamén xa persoal: «Cada vez que vimos aquí é para min un pracer», asegurou. Nese sentido, contou tamén que uns foron aprendendo dos outros e que, se ben non se trata de copiar, si de adaptar actividades que poden ter cabida tanto aquí en Ponteceso como alí en Celanova. Entre os proxectos de futuro (de aí os sopros), as Vilas Literarias ou, tamén, o Itinerario do Rexurdimento.