Os 7 anos da Fepiña pontecesá

Neste 2015 que se está a despedir viviu momentos de intenso xúbilo, ao pé doutros de fonda tristura


O día de Santa Lucía do ano 2008, veu a lus primeira unha criatura (a Fundación Eduardo Pondal), a que os seus patronos bautizaron como Fepiña. Este pasado domingo, 13 de decembro, Fepiña cumpriu sete anos e, ademais, neste 2015 que se está a despedir, viviu momentos de intenso xúbilo, ao pé doutros de fonda tristura.

Comezou o ano co aniversario do natalicio de Eduardo Pondal, ceibando globos de ilusión prendidos nas mans dos nosos pequenos Balbinos, que entoaron A pequena Ponteceso ante a ollada asombrada e tenra dos membros da Real Academia Galega -momento histórico para O Couto- que vían naqueles cativos a semente xermolada que eles botaran á terra dende -en moitos casos- máis de cincuenta anos atrás. No cabodano do noso Bardo, a Fepiña bailou, rebuldeira, coma unha nena máis, á sombra do busto do poeta, nos Xardíns de Méndez Núñez.

Escola de Tempo Libre

Alegrouse Fepiña cando lles entregaron o diploma de monitores á primeira promoción da Escola de Tempo Libre: ¡Tanta paciencia e entusiasmo tiveran os mozos Balbinos con ela e cos outros picariños das Escolas de Verán e de Inverno! Fepiña e mailos seus colegas colleron a mochila e foron á residencia coruñesa Calvo Sotelo, nas vacacións de Semana Santa, para aprender xogando, visitando museos, o cuartel da Policía Nacional, subíndose ó camión dos bombeiros? que gozada!

No mes das flores, Fepiña colleu os binóculos e, xunto cos alumnos do colexio da Ponte, observou a riqueza faunística que temos no Esteiro de Anllóns, no Día Mundial das Aves Migratorias. Nas Festiletras quedou marabillada co Espantallo amigo de Pepe Neira e con O raposo e a mestra de Manolo Rivas, así como con Dora, a desbrozadora, que lle dedicou o xenial debuxante Luís Davila ou As aventuras de Mariña e Lucas, de Rinlo e Sabela Fernández. E aínda que apenas tiña seis anos e medio -cun olliño aberto e outro pechado-, non quixo perderse unha interpretación memorable: cantou a coro Adiós ríos, adiós fontes e Campanas de Bastavales con Amancio Prada.

Cestería

Rematado o curso con boas notas, a Fepiña levou de premio participar na Escola de Verán, aprendendo novos xogos, facendo novos amigos -chegados varios deles doutros países e continentes-, almorzando saudablemente na compaña de Touriñán e Pereiro (que viñeran filmar ós seus veciños do Couto? que guapos van saír na tele), iniciándose no trenzado do vimbio coa exitosa Escola de Cestería -fundada nese verán- ou vestíndose cun mandilón de plástico para descubrir receitas máxicas na lonxa de Corme; unhas veces fabricando instrumentos musicais con material reciclable e outras deleitándose en escoitar un concerto de verdade: o que ofreceron, moi xogoralmente, o violín de Antía Ameixeiras e o acordeón de Martiño Senande.

E, falando de acordeóns, así mesmo gozou do virtuosismo de Kepa Junkera, baixo a sombra dos piñeiros, no Festival V de Valarés. ¡Nin o vendaval arredou a cadea solidaria na festa final da Escola de Verán! De música en música, chegamos a setembro, o inicio doutro curso escolar para ela: a Fepiña quedou cos ollos arregalados, na Biblioteca da Ponte, cando escoitou o Himno Galego tocado en? saxo soprano! Foi a profesora desa materia, xunto cos seus alumnos do Colexio Eduardo Pondal, quen encheron de notas e sons a Exposición 51 páxinas das nosas letras, baixo a atenta mirada de Xesús Alonso Montero, o esgrevio presidente da Real Academia Galega, que recuncaba por segunda vez no ano neste Val Nativo.

Bos e Xenerosos

O 22 de outubro cantou A pequena Ponteceso e o Himno Galego perante os Bos e Xenerosos homenaxeados: Ángel Carracedo, Margarita Ledo Andión, Siro e Guadi Galego. Unha novidade para ela foron as Aulas Científico-Tecnolóxicas, ás que asistiu -como a vintena de nenas e nenos dos colexios e institutos de Ponteceso e Cabana de Bergantiños- tódolos sábados do derradeiro trimestre. Cargada coa súa tablet, aprendeu, de xeito divertido, o mundo da experimentación, como así o explicaron, ela e os demais alumnos, ós seus país, no Día da Ciencia, o 21 de novembro. Tres días antes, xa amosaran os seus inventos nos estands do Parque Tecnolóxico de San Cibrao das Viñas, dentro das xornadas de Galiciencia. Neste mes dos Santos, a Fepiña sentiu envexa por ser aínda pequena para acompañar ós seus monitores e ós Balbinos xa grandiños ó VII Encontro Mostra Asociativa Xuvenil Galicia-Norte de Portugal (EMAX), en Padrón. Pero, polo menos, participou, cos outros rapaciños da Asociación Monte Branco e da Agrupación Inllar, na presentación da antoloxía de coplas Vivencias, de Carmen Eiroa Barreira: alí recitou, tocou e bailou ante o público que acugulou a sala de lecturas da Biblioteca pontecesá.

Mais novembro non trouxo só alegrías: coa cabeza chea de proxectos futuros e termando da pluma ata o derradeiro intre, Neira Vilas, o noso entrañable Pepe, falecía o día 27. Fepiña sentiuse orfa: un mes antes, no día da entrega dos Premios Bos e Xenerosos, sentárase nos xeonllos do seu avó adoptivo. O home que creu na Costa da Morte, o padriño en moitos sensos da Fundación Eduardo Pondal. Pero a Fepiña aprendera de Pepe a ser incesante, a gabear por riba dos infortunios. Por iso, en homenaxe á súa laboura, vai participar, cos seus compañeiros na Escoliña de Inverno, que terá lugar nas vacacións de Nadal, grazas á colaboración desinteresada de voluntarios, Verónica Rinlo, Crea Formas, La Voz de Galicia, Anxo Moure, Fran Brea, Ce Orquestra, A Ceo Aberto e Not Only Shills? entre outros máis. Que amigos ten -e moitos- que queiran ben á nosa Fepiña!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Os 7 anos da Fepiña pontecesá