Corme e Xoán Gago

Suso de Basilio

PONTECESO

«E propoño como tal, que, a mal chamada Rúa do Crego, leve o nome de Rúa de Xoán Gago. Como así levo pedindo dende hai anos que na nosa Igrexa figure unha placa co nome de quen puxo a primeira pedra, pedra en col da que hoxe temos a igrexa da nosa patroa: Nosa Señora dos Remedios»

14 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Era o abrente do século XVII cando entra na historia cormelá un rapaz chamado Xoán Gago, frade mercedario e seguidor do que séculos despois sería San Pedro Nolasco, fundador da Orde Mercedaria que nacera en Barcelona o 29 de Xaneiro de 1180 e finou no 1245. Xoán Gago, que chegaría a ver canonizado a San Pedro Nolasco anos despois, no 1628, tomara del o camiño de dedicar a súa vida e máis a súa herdanza para construír no ano de 1600 a nosa primeira Capeliña na honra da Virxe da Mercé. (A verdade é que podemos presumir en Corme de que tivemos o primeiro cura, aínda que como frade, a un verdadeiro filántropo. Un exemplo que poucos cregos tomaron del).

Así, e sen máis reseñas deste apelido totalmente foráneo no noso pobo, é como o Cardeal Jerónimo del Hoyo fai a primeira referencia na súa visita arcebispal do ano 1607 na quenda á parroquia de Santo Hadrián de Corme. Jerónimo del Hoyo era máis «un anotador de bens do Clero que preocupado da toponimia dos lugares visitados (sic) (La Voz de Galicia o 13/1/2008)». E subliña J. del Hoyo referinte a Corme Porto: «Hai allí una pequeña y nueva hermita, la cual edificó un tal Juán Gago, extravagante y natural del mesmo pueblo».

Reflicte ademais Del Hoyo que Corme Aldea e O Porto só tiñan nesa data 63 fregueses que conformaban un total de 330 persoas. Por mor disto e poñendo unha pingueira de xera, eu penso que..., que naquel tempo non..., non había radio, televexo nin telenovelas. Pero había moito lecer, sobre todo en tempo de inverno. Coido entón que hai un erro por parte do Cardeal Del Hoyo, pois, en cada fogar había unha media de seis fillos por parella. En canto ao cormelán Xoán Gago, foi por antonomasia o home que deu un forte pulo ó pobo de Corme, naquel tempo máis coñecido polos veciños da nosa parroquia de Corme Aldea coma: O Porto. Pero aínda que o Cardeal Del Hoyo o tilda de extravagante, a min dáme a impresión de que este rapaz tiña un peso específico en Corme.

Ao marxe do seu filantropismo, doando a súa herdanza, este rapaz debía contar coas simpatías dos cormeláns e tamén co beneplácito caciquil da época. Debemos pensar que de entrada facía falla o solar e máis a súa cesión, aínda que naquel intre esa zona era de escaso valor. Ou tamén que a súa familia debeu ser de boa condición económica.

Cos alicerces da pequena capela, primeiramente co nome de Virxe da Mercé, o pobo comeza a espallarse ó seu redor erguéndose tamén o noso primeiro cemiterio á súa beira. Ata esa data os núcleos principais da nosa vila eran: Arregadiña, Arriloa, Gafote, Paxariña, Candelago e a Ribeira. Debemos subliñar que naquel tempo estes núcleos de poboación eran coñecidos como «villas», así en castelán e segundo consta no dicionario Madoz. Non era doado o feito de vivir na parte baixa comerlá pola falla de abeiro e ó mesmo tempo por terreos onde plantar os froitos. Por pura lóxica, non existía a zona de Baixo da Capilla, pois, non había Capilla (Capela).

Mais como se di agora, a cabeciña do noso Xoán non paraba, e 50 anos adiante, no 1650, Xoán Gago fundaría tamén a nosa primeira Confraría de Pescadores co nome de Dulce Nome de Xesús, datada o día 1 de xuño dese mesmo ano, aínda que outro arquivo basea esa data como Confraría Nosa Señora dos Remedios. Pero o nome do home que verdadeiramente ergueu Corme énos totalmente descoñecido. Nin un humilde carreixo leva o seu nome. Eu mesmo tiven que chegar aos 60 anos para saber que existiu. Malia que iso si, na escola -que non tivemos a miña xeración- ateigáronnos das: Cien figuras españolas. Coido, veciños, cura párroco e concello, que vai sendo hora de lembrar a memoria deste cormelán de ben. E propoño como tal, que, a mal chamada Rúa do Crego, leve o nome de Rúa de Xoán Gago. Como así levo pedindo dende hai anos que na nosa Igrexa figure unha placa co nome de quen puxo a primeira pedra, pedra en col da que hoxe temos a igrexa da nosa patroa: Nosa Señora dos Remedios.