Os Premios Bos e Xenerosos eloxian a forza da humildade e do compromiso

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Carracedo, Ledo, Siro e Guadi recibiron o galardón da Fundación Pondal

23 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Se a forza da humildade e do compromiso movese o mundo, dende O Couto, en Ponteceso, podería botarse a andar. A Fundación Eduardo Pondal entregou onte os Premios Bos e Xenerosos 2015, uns galardóns que, dalgún xeito, exaltaron esas calidades e que recolleron Ángel Carracedo, Margarita Ledo, Siro López e Guadi Galego (esta última, a través de Eloi). Estiveron acompañados por amigos e familia, mais tamén por unha ampla representación: a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero e o escritor Neira Vilas, entre outros.

Carracedo, catedrático de Medicina Legal e recoñecido científico, investigador e divulgador, dixo sentir «unha honra grandísima», por este premio que «é coma estar na casa». «Ultimamente estou moi bergantiñán», bromeou, para dicir que ficaba rodeado dos seus familiares. Dedicoulles o galardón: «Deles aprendín todo: o amor á terra, a importancia do traballo, da humildade, aprendín a intentar ser bo e xeneroso porque todos e cada un deles o son». Na súa liña de sinxeleza, afirmou que agora que xa é bo -oficialmente- terá que mudar de propósito de ano novo. E xa o ten decidido: viaxar menos e pasar máis tempo cos seus. Fixo unha chamada a unha política de «mans abertas», tamén na ciencia, eido certamente competitivo. Para iso lembrou unha frase da súa avoa: «O que abre os brazos, recibe abrazos». Apelou á xenerosidade: aos fillos e ao seu equipo transmítelle que, así, a el, non lle foi tan mal.

A catedrática, escritora, xornalista e cineasta Margarita Ledo quixo coller algún risco dos seus compañeiros galardoados para intervir e asegurou que iso de ser «bo e xeneroso» é un «anceio moi difícil de definir». Ledo fixo fincapé ao longo do seu discurso na palabra emancipación e contou como, estando unhas horas antes en Bilbao, se veu abraiada por unha exposición de Jean Michel Basquiat no Guggenheim. A mostra dese artista hip-hop, dese rapaz negro do Bronx que morreu aos 27 anos e que segue sendo referencia no mundo da arte contemporánea, xiraba en torno a unha idea: «Now is the time». Preguntouse Margarita se tería pasado a día de hoxe o tempo de emancipación que soñaba o bardo. ¿Que mudou? Os tempos. Rematou aludindo ao espertar do sono dos galegos. «Unha pequena nación, unha nación subalterna como Galicia, tamén pode contribuír á transformación da humanidade», dixera antes.

O artista, debuxante, humorista gráfico e xornalista Siro López, fixo gala da súa marca e dixo que, ao igual ca Margarida, ten recibido xa un galardón con este nome de «bo e xeneroso»: «Se non me coñecese, empezaría a crer que é verdade». Falou, entre outras cousas, daqueles anos sesenta, setenta e oitenta que homes e mulleres coma el vivían con moita esperanza. Ata tiñan un lema: «Nós temos fe no noso pobo e, moi logo, o noso pobo terá fe en nós». Quizais, recoñeceu, hoxe xa non sexa tan optimista, pero a pesar diso segue traballando pola cultura e intentando facer xornalismo «con absoluta liberdade de conciencia». Hai algo no que no cambiou en absoluto: «O amor pola miña fala. Nunca quixen deixar Galicia para non deixar de escoitar o meu idioma». Por todo iso onte todos eles foron chamados Bos e Xenerosos.

Música, poesía e intervencións

O acto de entrega dos Premios Bos e Xenerosos 2015 comezou onte coas voces de varios pequenos e coa de Silvia Losada, guitarra en man, interpretando o poema pondaliano Ponteceso, ao que a artista lle puxo música. Interveu logo, xusto antes da chamada aos premiados, o presidente da Fundación Eduardo Pondal, Lois García Carballido. Aludindo a varios autores, definiu o que é ser bo e xeneroso e, niso, explicou por que son exemplo os catro galardoados de onte, «os mellores nos seus campos». Rematou asegurando: «O 7 de marzo de 2017 fará cen anos que Manuel Lugrís despedía ao bardo de Ponteceso, ao autor do himno de Galicia, con estas verbas: ?Un bardo que tan ben canta non pode temer o olvido?. A intensa atención ás demandas desta Fundación e a xenerosa atención das autoridades locais, provinciais, autonómicas, e agardo que tamén do Estado, son o mellor testemuño de que en Ponteceso recollemos esas verbas do que fora presidente da RAG para que nunca se esqueza a contribución de Pondal ó orgullo de sermos galegos e galegas».

Pechou a quenda de intervencións a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García Señoráns. Felicitou á fundación pontecesá pola súa grande actividade e boa colaboración coa Xunta dende os seus inicios. A García Carballido, novo presidente, pediulle que collese a testemuña do anterior -José Luis Fondo Aguiar- e que manteña vivo o espírito e a identidade da aldea do Couto, algo que se transmite moito máis alá de Ponteceso. Dirixiulle tamén unhas agarimosas palabras de parabéns aos galardoados cos Bos e Xenerosos.

Finalmente, volveron intervir os máis novos, pero desta volta coa interpretación do Himno Galego, acompañados ao saxofón pola mestra Blanca. Eles son o futuro da lingua e o futuro do pobo galego.