«Hai que facer atractivo o noso patrimonio cultural e literario»

O responsable da UIMP espera que o curso de Ponteceso teña continuidade


Como director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) Domingo Bello Janeiro é o responsable último de que a pequena aldea do Couto e todo Ponteceso poidan presumir de servir de sede á primeira actividade que a institución desenvolve na Costa da Morte. Bello é ademais Catedrático de Dereito Civil na Universidade da Coruña, foi director da EGAP e exerce labores de arbitraxe en disputas internacionais entre empresas e gobernos.

-¿Como chega a UIMP ao Couto?

-Unha universidade como esta, que tenta ser un ágora de debate de temas multidisciplinares que interesen á sociedade civil, pretende a través desta actividade achegarse en boa medida a unha parte da nosa historia porque un pobo que esquece a súa historia desbota gran parte dos seus coñecementos e moitas veces incluso se ve obrigado a repetir os erros. Polo tanto era importante no cincuentenario das Letras Galegas de Pondal recuperar a súa figura. Ademais, ao marxe da actividade puramente para especialistas ou universitarios tentamos achegar temas que interesan á sociedade civil e que moitas veces non están no día a día. Neste caso, ademais, achegámonos a Bergantiños, a Ponteceso, coa intención de que a distancia non supoña un factor disuasorio e de descentralizar as nosas actividades máis aló das grandes cidades.

-¿Tiñan feito algunha actividade nunha aldea como O Couto?

-Non. Eu creo que esta é unha experiencia pioneira. Nunca fixeramos unha actividade nunha vila tan pequena, pero estamos moi satisfeitos porque a resposta do público, o interese mostrado, foi notable. Tivemos un número considerable de asistentes e creo que tivo a repercusión que merece o tema e a vila.

-Parece que o curso pode dar resultados visibles xa inmediatos no eido das vilas literarias.

-Si, eu creo que efectivamente esa é unha tarefa que estaba pendente de artellar superando ademais posibles rivalidades que poidan existir. Hai que facer atractivo o noso patrimonio cultural e literario, e o traballo dunha xente que, como ocorre noutros países, mesmo pode ter un retorno económico no propio territorio. É algo que hai que desenvolver canto antes.

-¿Terá continuidade esta colaboración coa Fundación Pondal?

-Si, acabamos de comezar pero a grande repercusión obtida, o esforzo realizado, e o respaldo e a colaboración dos propios interesados constitúen o mellor punto de partida para desenvolver unha actividade con pretensións de continuidade.

-¿Que diferenza á UIMP das universidades ao uso?

-É unha universidade nacional e con vocación internacional que non ten un profesorado fixo e iso nos permite ter máis versatilidade de temas, de materias, e contar cos relatores que en cada caso concreto, en función da especialización e do tema que se trate, sexan de referencia. Nestes tempos que non deixan de ser de dificultade de todo tipo para a especialización dos estudos, a UIMP é un punto de referencia e un espazo aberto para debater con total liberdade temas multidisciplinares e de interese para a sociedade. Ademais, temos unha oferta de cursos de posgrao, de máster, etcétera, que son unha referencia non só a nivel nacional.

-¿Cambia moito o seu xeito de encarar o traballo na UIMP e na Universidade da Coruña?

-Fai xa máis de 30 anos que me dedico á formación universitaria en diversos eidos. Levei a cabo funcións directivas no vicedecanato da Facultade de Dereito de Santiago ou na Escola Galega da Administración Pública e sempre procuro apostar por un elemento fundamental e moitas veces intanxible, que é a calidade na formación. Na Universidade da Coruña a formación que levo a cabo é en dereito civil, que é unha materia que moitas veces non ten relevancia pública, pero que si ten especial incidencia porque afecta a parcelas da vida dos cidadáns e repercute de xeito directo no seu contorno inmediato (a familia, a propiedade, os testamentos, os contratos, etcétera). Na UIMP, polo seu carácter multidisciplinar, tamén supón un enriquecemento tratar de achegar á poboación cuestións como as que se trataron estes días en Ponteceso ou, por exemplo, sobre criminalística, técnicas forenses ou o réxime xurídico do persoal das universidades que serán abordadas á próxima semana na Coruña. É importante poder debater con especialistas como ocorreu aquí en Ponteceso, que ben se merece que a Universidade Internacional Menéndez Pelayo se achegue a el; isto supón un enriquecemento mutuo.

-¿Como teórico do dereito como ve o descrédito polo que atravesa a xustiza?

-Toda xeneralización sempre é inxusta e inexacta. Eu creo que dous elementos básicos da xustiza son a rapidez e a protección dos dereitos fundamentais e cando vemos procesos que se alongan demasiado no tempo e hai algunhas actuacións que, mesmo estando baixo segredo de sumario, son divulgadas incluso antes da súa comunicación oficial aos interesados, iso non contribúe á necesaria confianza que todos temos que ter na regulación da vida social dunha comunidade de acordo cuns elementos de xustiza. Todos temos que facer un esforzo engadido porque a xustiza é esencial para que poidamos ter confianza en que se desenvolve conforme aos parámetros legais.

-¿Como é a situación con respecto a outros países?

-En España tense feito un gran esforzo en materia educativa pero hai que seguir traballando porque o legado máis importante que se pode deixar ás xeracións futuras é unha educación de calidade. Hai que concienciar á sociedade de que un esforzo, tamén orzamentario, constitúe un eixo diferenciador dun país.

domingo bello janeiro director en Galicia da universidade menéndez pelayo

«Nunca fixemos unha actividade nunha vila tan pequena e estamos moi satisfeitos»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Hai que facer atractivo o noso patrimonio cultural e literario»