O proxecto de vilas literarias colle pulo en Ponteceso da man da UIMP

O seminario que comezou onte na Fundación Pondal relanzou a iniciativa

Antes da inauguración do seminario as autoridades puideron ver o traballo dos cesteiros.
Antes da inauguración do seminario as autoridades puideron ver o traballo dos cesteiros.

Carballo / La Voz

A vella reitoral de Cospindo segue engadindo fitos a súa nova traxectoria vital como sede da Fundación Eduardo Pondal. Onte converteuse en aula universitaria para acoller o seminario que baixo o título Eduardo Pondal no cincuentenario do Día das Letras Galegas a Universidad Internacional Menéndez Pelayo desenvolverá na localidade ata o venres.

As actividades comezaron con preto de trinta alumnos e os primeiros resultados prácticos comezando a agromar. A sesión inaugural estivo dedicada aos roteiros literarios e incluíu unha visita guiada polo catedrático Manuel Ferreiro Fernández á igrexa de San Fiz de Anllóns e un recital poético a cargo de Anxo Angueira Viturro, presidente da Fundación Rosalía de Castro.

Pero antes diso, os presentes puideron coñecer por boca dun dos seus principais impulsores, Antonio Piñeiro Feijoó -secretario da Fundación Curros Enríquez- o proxecto de Vilas Literarias de Galicia, unha iniciativa que propón a creación dunha rede de localidades na que naceron autores senlleiros para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural.

Non se trata dunha idea nova, posto que xa foi presentado a finais do decenio pasado, pero o seminario pontecesán permitiu devolvela ao primeiro plano da actualidade obtendo o respaldo unánime das autoridades presentes na sesión inaugural de onte.

Tanto o propio director do seminario, José María Varela Martínez; como o alcalde de Ponteceso e presidente da Fundación Pondal, Lois García Carballido; o director da UIMP en Galicia, Domingo Bello Janeiro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, coincidiron en que se trata dun proxecto moi interesante e cheo de potencialidades. «É algo que estamos estudando porque é unha iniciativa complexa e con moitas variables a ter en conta», explicou o representante autonómico para referirse ao feito de que hai localidades nas que existen fundacións dedicadas aos autores e outras nas que non. García explicou tamén, unha vez rematada a presentación do curso, que en algunhas das vilas susceptibles de participar na iniciativa existen espazos abertos ao público, como casas museo, mentres que noutras eses lugares emblemáticos non poden ser visitados.

En calquera caso, apuntou que a intención da consellería é sacar adiante a proposta e mesmo detallou un posible punto de partida para que o proxecto poida botar a andar: «Poderíamos empezar polas vilas do rexurdimento, Padrón, Celanova e Ponteceso, por Rosalía, Curros e Pondal, e despois ir incorporando outras localidades. Ese podería ser o xermolo», sinalou.

De ser finalmente esta a vía elixida, con posterioridade poderíanse ir incorporando outras localidades que foron berce de importantes autores e de moitas das súas obras, como podería ser o caso de Muxía, vila natal do poeta Gonzalo López Abente.

A idea volve estar no aire e só fai falla artellar o mecanismos para que bote a andar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos

O proxecto de vilas literarias colle pulo en Ponteceso da man da UIMP