«Hai que contar como era a parroquia para que non se esqueza»

Á. palmou

PONTECESO

JOSE MANUEL CASAL

A entidade de Brantuas e Niñóns homenaxea hoxe aos zapateiros cun libro e un xantar

06 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de seis días de actividades que encheron de xente a Casa dos Veciños de Brantuas e Niñóns, a Semana Cultural organizada pola asociación Nosa Señora do Faro chega hoxe a súa xornada principal, cunha homenaxe aos zapateiros de ambas parroquias pontecesáns que dará comezo sobre as 12 horas (na Casa dos Veciños). O coordinador da entidade, Suso Cousillas, destaca a importancia de manter viva a memoria das xentes e os oficios desas dúas parroquias pontecesáns. Os actos rematarán mañá, véspera da romaría do Faro, coa actuación do grupo de acordeonistas de Jesús Couto.

-¿En que consistirá esta homenaxe aos zapateiros?

-Queremos honrar aos zapateiros que houbo nas parroquias cun libro, feito por un dos integrantes da asociación, Gabriel Varela Pose -que xa fixo tamén os dos canteiros e os arrieiros-, no que hai fotos de todos eles e anécdotas. Estará presente José María García Álvarez, de Ortopédica Bergantiños, de Montevideo, que sempre pasa as vacacións aquí, ademais de Xosé Manuel Varela e o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido. Despois da presentación do libro faremos un xantar no que participaremos unhas 120 persoas.

-Canteiros, arrieiros e agora zapateiros. ¿Que importancia tiveron eses oficios que están lembrando na zona?

-Nesta parroquia houbo de todo: canteiros, zapateiros, arrieiros... ata que a xente empezou a ir ao mar. Agora xa non hai nin uns nin os outros porque como pasa en moitas das aldeas está case toda a xente xubilada. E o que queremos facer e ir pouco a pouco describindo como era a parroquia porque se non o facemos en dúas xeracións máis xa ninguén se lembrará de como era isto antes.

-¿Como fan para organizar actos durante toda unha semana e lograr que a xente acuda día tras días?

-Nós aproveitamos a celebración da novena da Festa do Faro para facer os actos ao rematar a misa. Cada día facemos algo de troula e unha cea na Casa dos Veciños e sempre xuntamos moita xente: o primeiro día había 90 persoas e onte xa se desmadrou a cousa e non cabían todos no local: houbo que meter a algúns na cociña.