«A música é algo que require moitas horas»

Á. palmou

PONTECESO

ANA GARCIA

O director de corais e acordeonista terá dobre presenza na Semana Cultural de Brantuas

04 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Jesús Couto Varela é un apaixonado da música. Súa é a batuta das corais de San Salvador de Pazos, San Pedro de Corcoesto, San Xoán de Xornes e Santa Mariña de Ponteceso e do grupo de acordeonistas ao que dá nome. Non resulta estraño por tanto que teña presenza dobre no programa da Semana Cultura de Brantuas-Niñóns, que se vén celebrando desde o luns na Casa dos Veciños da asociación Nosa Señora do Faro. Hoxe estará alí coa coral Santa Mariña (20.30) e o próximo luns, cos acordeonistas.

-¿En que faceta está máis cómodo, dirixindo as corais ou co acordeón?

-Todo o que sexa música me gusta, xa sexa moderna ou clásica. Non teño preferencia por ningunha, senón pola música en si. Son cousas moi diferentes e ao ser tan distintas estou encantado en calquera desas dúas facetas, síntome ben en todos casos.

-¿Custa máis atopar voces ou acordeonistas?

-En calquera dos dous casos hai que atopar xente á que lle guste porque é algo ao que lle hai que dedicar moitas horas e se a un non lle gusta o que fai resulta imposible.

-¿Non se cansa un de tanta música?

-En ocasións véxome bastante apretado pero vouno levando; o día que non poida haberá que deixalo, pero por agora non penso niso. O máis complicado é que ao levar varios grupos hai que ter repertorios diferentes: non é o mesmo unha celebración relixiosa que un festival. Á veces sentes que che falta tempo pero ao gustarlle a un tanto a música dalo todo por ben empregado.