A Fundación Pondal agasallará un libro de Neira Vilas a todos os nenos pontecesáns

Ángel Palmou CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

A entidade repartirá aos escolares e os profesores «O espantallo amigo»

06 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A falta de menos dun mes e medio para as próximas Festiletras do Couto, a Fundación Eduardo Pondal segue a perfilar os detalles dunha celebración que este ano coincidirá co quincuaxésimo aniversario do Día das Letras Galegas dedicado ao Bardo de Bergantiños e que por tal motivo terá aínda máis relevancia da acostumada.

Co gallo de ambas celebracións e co espírito de promocionar a cultura galega nos fogares de todo Ponteceso e, especialmente, entre os seus habitantes máis cativos, a entidade ten previsto repartir 400 exemplares do libro de Xosé Neira Vilas O espantallo amigo entre todos os escolares do municipio, así como os seus profesores, e convidalos a todos á representación do espectáculo que a compañía Os Quinquilláns preparou inspirándose nesa mesma obra do autor de Memorias dun neno labrego.

A posta en escea será o 10 de maio, durante a xornada inaugural das Festiletras, pero os directores dos centros escolares de Primaria e do CRA, así como representantes das nais e os pais dos alumnos, poderán asistir xa este mércores a un pequeno avance no transcurso do acto programado pola Fundación Pondal para facerlle entrega deses 400 exemplares. Ao acto están convidados a participar tamén representantes da Real Academia Galega, da que forma parte Neira Vilas, e da Consellería de Cultura e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que colaboran na iniciativa.

Desde a Fundación Eduardo Pondal explicaron onte que elixiron esta obra en concreto polos lazos con Ponteceso e O Couto non só de Neira Vilas, senón tamén do director de Os Quinquilláns, Lucho Penabade, e destacaron a importancia de que os máis pequenos, coa axuda dos seus pais, se vaian achegando á lectura en galego. «Queremos que en todas as casas haxa libros en galego», explicaron.