A Escola de Tempo Libre Eduardo Pondal dá os seus primeiros froitos

A. Palmou

PONTECESO

<span lang= gl >A foto de familia final</span>. O director xeral de Xuventude e o alcalde de Ponteceso e presidente da Fundación Pondal -no centro- posaron diante da reitoral de Cospindo xunto aos alumnos do Escola de Tempo Libre ao rematar a entrega de diplomas.
A foto de familia final. O director xeral de Xuventude e o alcalde de Ponteceso e presidente da Fundación Pondal -no centro- posaron diante da reitoral de Cospindo xunto aos alumnos do Escola de Tempo Libre ao rematar a entrega de diplomas. ana garcía< / span>

O director xeral de Xuventude entregou diplomas ós mozos participantes

15 mar 2015 . Actualizado a las 23:09 h.

Cultura, formación, conciliación e tamén tempo libre. A Fundación Eduardo Pondal segue ampliando o seu radio de acción e onte, despois dun ano de clases, obradoiros, visitas, proxectos e prácticas, viu como os máis de 70 mozos que participaron na primeira edición da súa Escola de Tempo Libre poñían o punto final oficial ao seu período de aprendizaxe coa entrega dos diplomas acreditativos. Ao acto, celebrado na vella reitoral de Cospindo (O Couto, Ponteceso), acudiu o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, que unha hora antes pasara tamén pola praia carballesa de Razo para visitar aos mozos que participan no programa Visualizando Iniciativa Xove do albergue xuvenil Art Surf Camp.

Rodeiro explicou antes de entregar os diplomas -coa axuda de José Luis Fondo Aguiar, alcalde de Ponteceso e presidente da Fundación Pondal- que para el supón «un honor e un pracer» comprobar de novo o traballo decidido que a entidade fai pola xente nova e referiuse a ela como modelo a seguir noutros puntos de Galicia. «A educación formal é moi importante, pero a non regrada tamén o é porque proporciona coñecementos, habilidades e valores que a primeira non dá, e que é o que demandan hoxe en día as empresas. Entre dous currículos iguais quédanse co que ten menos sofá e máis participación e iniciativa», sinalou o secretario xeral, que tamén tivo o seu agasallo: un Busto Pondaliano, que lle entregou Fondo Aguiar «por toda labor que ten desenvolvido xunto á Fundación Pondal».

A entrega desenvolveuse nun clima festivo. Os aplausos soaron con forza e ata se puido escoitar aos alumnos entoando o «cumpreanos feliz», cando unha deles -que celebraba onte o seu aniversario- saíu a recoller o seu diploma.