«Cando o vento dá no arume dos pinos de Ponteceso soa a canción do país»

M.Rial, Á. Palmou

PONTECESO

José Manuel Casal

A RAG celebrará hoxe na aldea do Couto un plenario extraordinario

07 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ponteceso, berce de Eduardo Pondal, está este ano de celebración co gallo de dous aniversarios que teñen ao poeta como protagonista: os 50 anos do Día das Letras Galegas que lle foi dedicado e os 180 anos do seu nacemento. A Real Academia Galega, que preside o catedrático e ensaísta Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), aceptou a invitación da Fundación Pondal para sumarse a esta dobre conmemoración e hoxe visitará a localidade para celebrar nela un plenario extraordinario.

 

-¿Como valora o traballo que está a facer a Fundación Eduardo Pondal?

-Creo que con estas palabras que vou dicir expreso non só o que eu penso, senón o que pensa o conxunto de todos os membros da academia. Nós imos facer unha sesión extraordinaria tamén no sentido etimolóxico porque non é frecuente que a academia faga un plenario fóra da súa sede. Faino en circunstancias moi especiais, como o Día das Letras Galegas para conmemorar ao escritor no lugar onde naceu ou onde viviu, ou nunha circunstancia así. Pero neste caso ademais de, fundamentalmente, homenaxear ao poeta Eduardo Pondal tamén imos homenaxear á Fundación Eduardo Pondal porque desde hai moito tempo, e eu teño noticias precisas, está traballando polo seu poeta como outras institucións e fundacións non traballan. Son moi coñecidas en Galicia as fundación Rosalía de Castro e a Curros Enríquez, e sen ser tan coñecida a Fundación Eduardo Pondal non é inferior en entusiasmo nin en compromiso a elas, e así llo manifestamos cando viñeron a visitarnos á academia a facernos esta proposta.

 

-¿Cal é o sentido do acto que se celebrará hoxe?

-Nós imos á Costa da Morte, concretamente a Ponteceso, a homenaxear aos homes e ás mulleres que dedican moito entusiasmo á figura de Eduardo Pondal desde a súa fundación. O poema máis coñecido de Pondal e Os pinos e cónstame que hai académicos que nunca foron a Ponteceso e eu mesmo non estivera, ata hai cousa dun mes e medio, na casa natal do poeta, polo tanto está ben que académicos e non académicos vaian como mínimo unha vez ao ano ás terras de Pondal onde están os pinos porque cando o vento dá no arume dos pinos soa a canción do país; non hai que oír a canción dos pinos do Ribeiro, de Arzúa ou de Verín, hai que oír a canción dos pinos que inspiraron a Eduardo Pondal o poema que hoxe máis coñece a xente en Galicia.

 

-¿Que valores de actualidade sigue tendo a obra de Pondal?

-En primeiro lugar, un poeta cando o é con maiúsculas non perde nunca actualidade. Os escritores, non só Pondal, senón Goethe, Shakespeare, Homero, Virxilio, Camoés ou Cervantes son escritores dun tempo que escriben sobre o seu tempo, o que pasa é que como son clásicos tamén escriben para os tempos que virán por iso os seguimos lendo. E no caso de Pondal, os seus versos teñen a densidade, a entidade dos poetas que son clásicos e polo tanto tamén escribe para o noso tempo, pero por outra parte xa indo a unha interpretación en certo modo un pouco máis política todo o que ten a obra de Pondal de compromiso co país, coa resurrección do país, de ir ás esencias do que el entendía que eran as raíces do país para ter unha postura orgullosa na existencia, iso non pasa; sobre todo por ter sido formuladas en versos dun gran poeta, porque ideas e vivencias máis ou menos semellantes téñenas outros poetas, pero non deron coa fórmula coa que deu Pondal porque el era superior como poeta.