Algúns dos concertos serán de pago e, outros moitos, de balde, repartidos en distintas localizacións
03 nov 2026 . Actualizado a las 12:24 h.Aum Reggae, Rossana, Zars B, Zeltia Irevire, Bonita & Sabrosa, Fogo Fogo, Guilherme Zapata, Imbermind, Lisdexia e Voilaa Sound System: velaí os dez artistas nacionais e internacionais que este ano nutrirán o festival Comarea de Muxía, cuxa oitava edición será do 3 ao 6 de decembro, en plena ponte festiva. «Unha gran festa de inverno», con concertos, obradoiros, faladoiros e outras moitas actividades, segundo avanza a organización, asumida pola cooperativa cultural Horta Creativa e ademais dun xeito integral: planifican, producen, organizan e difunden «coa ilusión por desenvolver iniciativas no noso territorio».
Ao igual que en edicións anteriores, haberá concertos de pago, todos eles concentrados na xornada do sábado 5 de decembro, e outros moitos de balde, distribuídos en distintos espazos da vila. As entradas para os primeiros estarán á venda dende esta semana. Concertos de pago: Bonita & Sabrosa, Fogo Fogo, Ghillerme Zapata, Inbermind, Lisdexia e Voilaaa Sound System. Gratuítos: Aum Reggae, Rossana, Zars B e Zeltira Irevire.
Lembra Horta Creativa que o Comarea é un festival desestacionalizado, interxeracional e diverso en estilos musicais, «un manifesto a favor da cultura no rural, que demostra que se poden crear experiencias de calidade fóra das grandes cidades, tamén no inverno». Busca «o que non chega doadamente á Costa da Morte» e a súa é unha programación «orixinal e ecléctica».