Rosalía de Castro volveu á romaría no pregón de Antón Castro, dedicado á autora e ás muxiás
12 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Rosalía de Castro, unha das meirandes figuras das nosas letras, foi onte convidada de excepción á romaría da Barca de Muxía. Volveu selo, coma naquel 1853 que tanta pegada deixou na súa vida e na súa obra. Unha Muxía identitaria, a que inspirou La hija del mar, foi a que trazou Antón Castro Fernández, «muxián e de saga mariñeira» como o presentou o alcalde, Javier Sar, antes do seu pregón de apertura deste ano. Un discurso que ofreceu na Praza do Coído cando xa roldaban as oito e media da tarde e no que elas, as mulleres, foron protagonistas. Rosalía, sen dúbida, mais as muxiás tamén, como punto de inicio do feminismo e do que se reivindica como un dos seus textos centrais.
A padronesa, por outra banda, é autora deses versos que tan ben cadran para hoxe: Viva o sábado da Barca, sábado da Barca viva, coma o sábado da Barca non o vin na miña vida...
Hoxe: o programa
Vinteunha bombas anunciarán hoxe pola mañá da festa, dando paso logo a pasarrúas coa agrupación Xaramiños do Corpiño e a charanga NBA. No relixioso, misas previstas ás 11.00, 13.00, 19.00 e 19.00. Fuego encargarase da vermú, con tardeo a continuación a cargo de NBA, O Rumbo e Latexo Percusión. Haberá espectáculo de fogos de artificio ás 00.30 e verbena con Fuego e París de Noia, das orquestras máis aclamadas.
O mercado da Deputación ou Sés fixeron máis grande a apertura
«A paisaxe que sabe», eixo da estratexia de Turismo provincial nestes últimos anos, terá tamén presenza este ano na Romaría da Barca a través do Mercado da Deputación na praza do Coído, xa dende onte. Talento do territorio, produtores, creadores e artesáns locais están detrás dos estands De Rositas, Silvereira, Miña Terra, Pepiña Medias Longas, Moira Artesanía, Vacatola, Devalo, Pampillo, Reina Lupa e Anxóuxeres. Á apertura do encontro asistiu o vicepresidenta da Deputación, Xosé Regueira: «É unha honra poder traer o noso mercado á Barca de Muxía, romaría ancestral e festa de interese turístico que encherá de xente e ambiente a localidade».
Amosou tamén o agradecemento co alcalde, Javier Sar, e o Concello, polas facilidades para levar ata Muxía esta «escolma» da calidade artesá da provincia. Sumou a Deputación, onte, o concerto de Sés.