Antón Castro: «O meu pregón da Barca irá dedicado a Rosalía de Castro e ás mulleres muxiás»
MUXÍA
Serio e portador de dignidade para unha Muxía literaria: así avanza o seu discurso de hoxe, ás 20.00 horas na Praza do Coído
11 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Historiador da arte, profesor, crítico, comisario de exposicións e sobre todo, muxián. É un xeito moi resumido de dar conta da súa traxectoria, á que tamén haberá que sumar un papel que asumirá hoxe ás oito da tarde, na Praza do Coído. Alí ofrecerá el o pregón da Romaría da Barca deste 2026. Non é outra persoa que Antón Castro Fernández (1951), quen evoca a Proust e Rilke para falar da infancia como patria. Interveu en Radio Voz Bergantiños:
—Impón este papel?
—Dalgún xeito, si. Fixen un pregón hai xa hai anos [2008], pero este para min é totalmente diferente. Fuxo da ironía e do chiste co que se adoitan plantexar: é un acto de responsabilidade e será unha homenaxe a Rosalía de Castro. O meu pregón irá dedicado a ela e ás mulleres de Muxía. Chámoo Muxía e a romaría da Barca: a orixe do feminismo español que reivindica a dignidade das mulleres. Sobre o feminismo en España, un dos textos que máis se reivindican é o prólogo de La hija del mar, de Rosalía, novela escrita en 1859, pensada en Muxía cando Rosalía foi invitada á romaría da Virxe da Barca en 1853. Tiña só 16 anos, hai xa 173 e é todo un acto rebelde pola dignidade das mulleres que ela adquire aquí. Rosalía colle na vila unha enfermidade romántica, o tifus. A amiga que a invitara, Eduarda Pondal, irmá de Pondal, morre, e ela sobrevive, mais terá unha ferida para sempre, a dor. A dor literaria tamén. Aquí, en Muxía, fai Rosalía o gran alegato feminista, vendo como viven, traballan e resisten as mulleres. Isto que digo vai ser a base do meu pregón.
—Que foi o primeiro que lle veu á cabeza cando llo propuxeron?
—Que vou tratar de facer un pregón serio, que vincule e dea dignidade a unha Muxía que é literaria. Coñecín a Otero Pedrayo no 1973, no santuario. Tiña eu Cantares galegos na man, colleumo e díxome: «Rapaciño, aquí, na Barca, naceu unha parte da literatura galega e aquí nace Rosalía como escritora». En Muxía pariu, como dicía, La hija del mar, que tal vez sexa a primeira novela romántica galega, pero aí pariu tamén unha parte deses Cantares.
—O seu vínculo con Muxía é de cordón umbilical, pero tamén coa Barca e os seus santuarios. Para a súa tese de licenciatura escollía «El santuario de la Virgen de la Barca: tradición, arte y leyenda».
—Sempre estiven moi interesado no culto ás pedras no mundo. Partía sempre, como referente, da Pedra de Abalar. Interesábame a orixe prehistórica de Muxía, a pedra, cristianizada no século VII despois de Cristo, un proceso de cristianización difícil, de aí que mandasen monxes para alí, e de aí monxía e Muxía. Hai un segundo proceso na Reconquista, no que se inventa esa lenda da aparición da Virxe ao Apóstol. Así xorde a romaría. O meu interese ía pois pola orixe de Muxía e pola da romaría: no medio, unha dobre dimensión. A primeira, un santuario pagán que existe, o culto ás pedras, e a segunda, un santuario cristián, mariano. Conviven perfectamente. Un mariñeiro de Muxía, ante un naufraxio, e eu vino no 63 ou 64 largando as nasas co barco de meu pai, ao ver un transatlántico co piloto automático, dixo: «Me cago en Dios, Virxiña da Barca, sálvanos!». Esa é a fusión dos dous santuarios, a sacralización do que se considera blasfemia, que eu en verdade non o vexo así, senón unha loa a Deus, recordando a tradición ancestral pagá, e á Virxe.
—Como viviu a romaría en cada etapa vital? Neno, mozo, adulto...
—En cada etapa dun xeito distinto. Foi cambiando como foron cambiando as romarías e a etnografía de Galicia. A etnografía da romaría da Barca hai sesenta asemellábase á que viron Murguía e Rosalía no XIX. Pouco a pouco houbo unha transformación, e o que me dá mágoa é que as novas xeracións descoñezan isto... Falabamos dunha romaría sincera, co pobo participando dela. Hoxe a romaría practicamente non existe e priviléxianse máis actos extraetnográficos, a parte profana, importante, pero non a principal, e que xa non ten nada que ver.
—Ve preciso volver ás orixes?
—[Fala da esencia e da identidade]. Penso que si, porque segue a ser moderno e contemporáneo. Que significa a palabra clásico? A permanencia no tempo de algo que é válido: os bailes da tarde no santuario, a acollida aos grupos de romeiros, os grupos populares que cantaban... Todo iso hai que recuperalo, iso é a romaría.
—E se de recuperación falamos, que pensa do retablo ardido?
—Para min, creo o camiño sería encargarllo a un escultor contemporáneo, non reproducir un barroco: xa non vivimos naquel século XVI-XVII, vivimos neste 2026.