A súa intervención está prevista para as 20.00 horas do venres 11 de setembro, na praza Cabo da Vila
28 ago 2026 . Actualizado a las 12:10 h.En Muxía agardan pola Romaría da Virxe da Barca, do 11 ao 14 de setembro. Coñecido xa o groso do programa, vén de divulgar o Concello o nome do pregoeiro deste 2026: Xosé Antón Castro Fernández, Antón Castro. É un recoñecemento á traxectoria da que consideran «unha das figuras máis destacadas da cultura galega», pero tamén ao seu fondo vínculo coa vila natal. Historiador de arte, profesor, crítico e comisario de exposicións, sempre levou a todos eses espazos a conexión con Muxía, longa e frutífera. Xa do 1980 é a súa tese de licenciatura El santuario de la Virgen de la Barca: tradición, arte y leyenda. Nunca cesou da investigación e divulgación da relación de Muxía coa tradición xacobea, o santuario e as pedras da Barca.
«Antón Castro é un deses muxiáns dos que podemos sentirnos profundamente orgullosos. Desenvolveu unha carreira extraordinaria e levou o nome de Muxía por universidades, institucións culturais e diferentes lugares do mundo, pero sempre mantivo unha relación moi especial coa súa vila. Que sexa el quen este ano pronuncie o pregón da Barca é unha honra para todo Muxía (...) Non é simplemente un muxián que vive fóra. É unha persoa que estudou a Barca, que investigou a súa historia e que contribuíu a explicar o seu valor cultural e patrimonial. Creo que non podía haber unha elección máis axeitada para unha festa que representa tanto a identidade de Muxía», traslada o alcalde, Javier Sar.
Sandra Vilela, tenente de alcalde e edila de Cultura e Festas, incide do seu lado na vontade expresa de contar cun pregoeiro con «vinculación real á vila»: «Desde o primeiro momento tivemos claro que queriamos que o pregoeiro da Barca 2026 fose alguén que representase Muxía. Non buscabamos simplemente unha persoa coñecida, senón un muxián que sentise esta terra e que tivese algo propio que contar sobre ela. E no caso de Antón Castro esa conexión é extraordinaria (...) É moi especial que a persoa que hai décadas dedicou a súa tese ao Santuario da Virxe da Barca sexa agora quen regrese para abrir as nosas festas», sinala a concelleira a través dun comunicado. Tamén sitúa a escolla na vontade de reforzar a dimensión cultural da romaría: «A Barca é tradición, fe, patrimonio, cultura e memoria. E queremos que o pregón sexa tamén un momento para lembrar todo iso. Estamos convencidos de que Antón Castro vai ofrecernos un pregón moi especial, precisamente porque vai falar da Barca desde o coñecemento, pero tamén desde o sentimento de ser muxián». Para escoitalo: venres 11 de setembro, ás 20.00 horas, na praza Cabo da Vila. Será o arranque do programa festivo.