A cultura volverá percorrer as parroquias de Muxía

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Cris de Caldas, en imaxe de arquivo
Cris de Caldas, en imaxe de arquivo ANA GARCÍA

O feirón de Senande, unha noite astronómica ou varios monólogos: algunhas das propostas da programación «Muxía itinerante»

12 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo o verán • A iniciativa Muxía itinerante regresará este verán co obxectivo de descentralizar a cultura e de levar actividades como obradoiros, roteiros, deporte, música ou espectáculos a distintos puntos do rural muxián. Desenvolverase durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro e formará parte da programación Muxía Cultural, un proxecto que promoven dende o 2025 o Concello e a cooperativa Horta Creativa.

Muxía itinerante incluirá propostas como o feirón de Senande, que se celebrará o día 6 de xullo con talleres, postos de artesanía, gastronomía e concertos, ou un roteiro dende a capital municipal ata Moraime, que se desenvolverá o 18 de xullo coas explicacións de Xan Fernández Carrera.

O 31 de xullo regresará A Onda da Nemiña, unha xornada centrada no deporte, se ben para o 18 de agosto hai reservada unha noite astronómica no entorno de Touriñán, da man do experto Jorge Mira.

Completarán esta programación varias noites de monólogos: Estremonías da silva, con Lilá Teatro, o 21 de xuño en Quintáns; Mulleres de conto, con Cris de Caldas, o 30 de agosto en Suxo e o 19 de setembro en Os Muños, e Vicio houbo sempre, de Atenea García, o 6 de setembro en Merexo e o 20 en Nemiña.