Muxía renderá homenaxe a Pazos de Merexo na data na que cumpriría 100 anos

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Pazos de Merexo, durante o concerto de Kepa Junquera no Asalto ao Castelo de Vimianzo
Pazos de Merexo, durante o concerto de Kepa Junquera no Asalto ao Castelo de Vimianzo Ana Garcia

O acto será o vindeiro 9 de maio e formará parte da programación municipal en torno ao Día das Letras Galegas

29 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Muxía homenaxeará o vindeiro 9 de maio a Manuel Pazos Redonda, coñecido como Pazos de Merexo e considerado un dos grandes referentes da música tradicional galega, así como figura clave na conservación do acordeón diatónico na Costa da Morte. Autodidacta e con estilo propio, describen dende o consistorio local, «converteuse nun símbolo da cultura popular, mantendo vivo un repertorio que forma parte da memoria colectiva de Muxía e de Galicia».

Elixiuse o 9 de maio, explican dende o executivo, porque ese sería o día no que cumpriría 100 anos. Así, o acto celebrarase ás sete da tarde no Cabo da Vila e combinará intervencións institucionais, lembranzas e música en directo, cun especial protagonismo do acordeón, por suposto. A xornada rematará cun concerto do grupo Acordeireta, formación musical que interpretará pezas do propio Pazos de Merexo.

A actividade forma parte da programación municipal en torno ao Día das Letras Galegas, explican. «É unha honra poder facerlle esta homenaxe», apunta a concelleira de Cultura, Sandra Vilela, recalcando o feito de que «unha persoa tan trascendental no mundo da música tradicional» fose de Muxía.