Reeditan «Buserana», de López Abente, no centenario da publicación da novela

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

MUXÍA

Gonzalo López Abente, retratado por Quintás Goyanes
Gonzalo López Abente, retratado por Quintás Goyanes real academia galega

A presentación será este vindeiro domingo, 14 de decembro, ás 18.00 horas 

12 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Presentación este domingo • 18.00 horas • Buserana, novela do poeta do mar muxián Gonzalo López Abente, está de centenario. Cúmprense este 2025 os cen anos da súa publicación, e é ese un dos motivos que levou á Fundación que leva o nome do autor, xuntamente co Parador, a reeditar esta obra en galego, mais tamén traducida ao castelán e inglés. A presentación será este domingo, na biblioteca Santiago Rey Fernández-Latorre, ás 18.00, con acceso libre e de balde.

Da edición de Buserana ao galego actual encargouse Suso Sambade Soneira; da tradución ao castelán, Rosalía Sambade Vázquez, e da tradución ao inglés, Minia Bongiorno. O propio Sambade, xunto con Xan Fernández; así como Javier Sar, alcalde e presidente da Fundación, e Aurelia Picallo, edila, estarán presentes neste encontro do domingo, no que cada asistente poderá levar á casa un exemplar.

Buserana, segundo recorda a entidade promotora da reedición, é unha das catro narracións curtas de López Abente, merecedor das Letras Galegas no 1971. Actualizar esta súa terceira novela permite cando menos dúas cuestións: «divulgar a figura do noso escritor local máis emblemático», dun lado, «e «difundir elementos singulares do noso patrimonio como o conxunto histórico de Moraime, a lenda da Buserana ou a vila de Muxía», doutro. Está ambientada na parroquia muxiá de Moraime, desenvólvese a novela en torno á festa de San Xián, patrón, onde o irmán do protagonista da obra —Álvaro, un don Xoán mozo universitario— exercía de párroco. Álvaro pretende namorar a Andrea, filla da criada do cura Eduardo.

Narrativa de corte costumistra tradicional, a obra de López Abente recolle a lenda da Buserana contada polo propio Álvaro. Tamén aquí hai un namoramento «irresistible e irresponsable» que acaba en consecuencias case tráxicos. «O narrador-protagonista descríbenos cunha delicadeza impresionista os personaxes tanto señoriais como populares en relación coa festa do patrón á saída da misa, así como no xantar farturento que ofrece o párroco ás amizades e autoridades do concello. Tamén nos narra da mesma forma delicada e chea de matices líricos os vínculos que mantén coa veciñanza da vila onde nacera e a chegada das embarcacións mariñeiras ao porto muxián», traslada a fundación muxiá sobre este traballo literario para o que agora comeza un novo tempo.