
Está comisariada por Xulia Feixoo
25 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A sala Gervasio Sar de Muxía alberga dende onte a mostra Cantade todas a unha. O cantigueiro popular galego. Unha exposición na que se recoñece o labor das cantareiras homenaxeadas nas últimas Letras Galegas, entre elas, a local Eva Castiñeira, porque como ben dixo a tesoureira da Real Academia Galega (RAG), María López Sande, esta conmemoración «non é só o 17 de maio, é todo un ano de revitalización».
Así, faise un percorrido sobre o cantigueiro popular galego na música tradicional: as súas orixes e conformación formal... Logo, céntrase nas homenaxeadas: As Vellas de Mens, as cercedenses Rosa e Adolfina Casás e Eva Castiñeira, de Agranzón. Tamén se recolle a importancia que tiveron os recompiladores ao longo da historia, e destácase o rexurdir do momento actual ao redor deste movemento cultural. Está comisariada por Xulia Feixoo.
A mostra pretende resaltar a importancia da oralidade en todas as culturas, especialmente na galega, «que en catro versos de oito sílabas é capaz de recoller todo o mundo que a rodea: alegría, crítica..», explicouse na inauguración, á que acudiu o secretario xeral da Lingua, Valentín García.
«Para nós é un orgullo presentar este evento. Dámoslle o parabén á Xunta e a todas as institucións por ter a iniciativa. As cantareiras levaron a nosa fala a todas partes. É a nosa tradición, unha cultura que temos que conservar. Con estes eventos esperamos seguir promulgando a toda esta xente», dixo o alcalde, Javier Sar.
«Queremos honrar a Muxía, a Eva Castiñeira, a súa familia e a toda a escola que aquí deixou», comentou Valentín García.