O GALP Costa da Morte potencia a transformación dos produtos do mar con axudas

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Guillermo González, xerente do GALP Costa da Morte
Guillermo González, xerente do GALP Costa da Morte Ana Garcia

O orzamento total destinado a estes apoios supera os 2,5 millóns de euros

10 feb 2024 . Actualizado a las 08:08 h.

Lanzar ao mercado novos produtos a partir do percebe e manter viva a memoria mariñeira dende Caión ata Muxía. Estas son as ideas centrais de dous proxectos que xa lograron a axuda económica do GALP Costa da Morte e que se presentaron na Casa da Cultura de Vimianzo: «Mesturar o percebe, por exemplo, coas algas, e facer degustacións para os peregrinos», detallou Santiago Pérez, promotor das iniciativas e membro da Asociación de Profesionais Percebe da Barca. As súas propostas serviron para animar ao público asistente á xornada informativa a solicitar as subvencións.

Pola súa parte, o xerente do Grupo de Acción Local de Pesca da comarca, Guillermo González, fixo fincapé na importancia dos proxectos que aposten pola transformación dos produtos do mar para lograr as aportacións económicas: «As ideas que vaian nesta liña son as que engaden valor», matizou. Ademais, explicou que «os proxectos xorden porque temos unha necesidade, vemos unha oportunidade e, a partir de aí, podemos xerar o noso autoemprego».

A xornada contou tamén coa presenza do secretario da confraría de Laxe. Antonio Devesa defendeu a importancia da posta en valor da pesca artesanal: «De nada serve se tes algo marabilloso, como son os nosos peixes, se non o dás a coñecer. O labor de promoción nos proxectos que se presenten é moi importante», subliñou.

Estes apoios dirixidos a proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo para impulsar o tecido empresarial da zona. O orzamento total destinado supera os 2.500.000 euros. Van encamiñadas a iniciativas que permitan crear postos de traballo e poñan en valor o territorio. Do mesmo xeito, fomentan a participación de mulleres e buscan garantir o relevo xeracional no sector pesqueiro. Entre os obxectivos, tamén figura o fomento da economía azul e o impulso do benestar social e do patrimonio cultural.

As persoas beneficiarias son autónomos e pemes, con proxectos individuais ou colectivos, localizados nos concellos de Cabana, Camariñas, Carballo, A Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Vimianzo. As subvencións van dende o 35 ao 50 % do gasto subvencionable, ata un máximo de 200.000 euros. No caso da pesca artesanal, as porcentaxes poden incrementarse. Foron aprobadas no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura 2021-2027.