Iago Toba, PSOE de Muxía: «Queremos gobernar en minoría, con apoios do BNG»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Ana García

As consecuencias do 28M | «Moitos dábannos por amortizados, pero Muxía falou e quere un goberno liderado polo PSOE», di o actual mandatario e candidato socialista nos últimos comicios

02 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten 36 anos e leva oito na corporación de Muxía, os últimos catro como alcalde. O PSOE foi este pasado domingo a forza máis votada, con cinco actas, dúas menos que no 2019. Aínda así, Iago Toba Campaña móstrase optimista de manter o bastón de mando.

—Leva uns días que non colle o teléfono.

—Necesitaba descansar, asimilar o acontecido, reflexionar e valorar os resultados. Foron días intensos. O tema dos votos por correo tamén estaba aí, porque existía o risco de que se paralizara o proceso. Pero despois destes días de descanso veño coas pilas cargadas.

—Como valora os resultados?

Gañamos as eleccións. Ese é un dato irrefutable, tamén que perdemos dous concelleiros. Pero tamén é necesario analizar os datos dende o lado da oposición, porque, pese ao brutal desgaste sufrido e de gobernar en minoría, nin o PP nin o BNG aumentaron os seus apoios.

—Parece que os votos do PSOE foron para Independentes por Muxía.

—Cónstame que Félix [Porto, exalcalde de Muxía] e o construtor [que non cita] están, sen dúbida, detrás da candidatura de Javier Sar. Pensaban que Iago Toba e os compañeiros de Iago Toba estaban amortizados. Pero non é algo de agora, aos seis meses de acadar alcaldía no 2019 xa nos daban por acabados. Algúns esperaban que o 28M sería o da nosa derrota definitiva, pero o pobo falou, e dixo nas urnas que quere unha Muxía progresista e liderada polo PSOE.

—Coa calculadora na man e a tenor do que dixo o candidato do BNG, en Muxía hai dúas opcións: PSOE ou independentes

—Nós falamos xa co BNG e hai que respectar os prazos que piden no BNG. Eles teñen asemblea esta fin de semana. Pero polo que avanzou Carlos [Fernández Concheiro] o BNG non apoiará un goberno no que forme parte o PP.

—Propúxolle ao BNG gobernar en coalición?

—Non. A nosa idea é que o PSOE goberne en minoría, con apoios puntuais programáticos co BNG. Falo de orzamentos, obras importantes, o POS...

—Descarta unha coalición con IxMuxía?

—Falaremos con todas as forzas políticas. Agora ben, non vou gobernar nin pactar con aqueles que puxeron problemas ao desenvolvemento de Muxía. A oposición do PP non foi ética no anterior mandato. Como vou pactar cun partido que só puxo problemas, que faltou a verdade en moitas ocasións... Non houbo a máis mínima lealdade institucional.

—É optimista coa reelección?

—Si, moito.

—Se o PSOE lle pedira que dera un paso ao lado, faríano?

—Se é argumentado si, pero resulta que xa falei co partido é o que me trasladan é confianza e que pelexe por acadar un novo goberno polos vindeiros catro anos.

—E se hai alternativa de goberno?

—Nese caso, o PSOE pasaría a oposición como parte deste xogo democrático, faltaría máis.

—E dimitir?

Xamais, aínda que pase á oposición.